19 de abril: Folga Estudantil

Dende Galiza Nova chamamos a todo o estudantado galego a participar na folga estudantil convocada pola organización estudantil nacionalista Erguer. Estudantes da Galiza entre outros axentes. Despois de apoiar as mobilizacións de Erguer. Estudantes da Galiza o pasado trimestre é  necesario volver a saír ás rúas o 19 de abril, para afondar na reivindicación dunha Lei Galega de Educación.

A pesar de que a LOMCE está paralizada e as reválidas non fosen aplicadas, moitas das medidas que a LOMCE incluía están a ser levadas a cabo na actualidade, mentres hai unha correlación de forzas no parlamento español favorábel na teoría á súa derrogación, na práctica non se está a producir. É por isto que é necesaria a mobilización, para rachar co modelo educativo imposto polo PP dende as institucións españolas, para garantir un ensino galego público, de calidade, feminista e pensado por e para o estudantado galego.

Ningunha reforma ou acordo que non teña en conta a opinión da comunidade educativa será a solución. A vía a seguir é a derrogación completa e real da LOMCE, nin un parche que encubra a implantación da mesma lei con outro nome nin a eliminación de cuestións concretas da mesma.