Este 1º de maio, día internacional da clase traballadora, a clase obreira galega encóntrase padecendo as consecuencias do aumento das intervencións e guerras imperialistas encabezadas polos Estados Unidos e seguidas de xeito cómplice pola Unión Europea e os gobernos estatal e galego.
Tal e como analizamos na pasada Asemblea Nacional, os EUA manteñen a súa estratexia de confrontación global. As flagrantes agresións contra os pobos venezolano e iraniano foron executadas sen sequera cumprir co dereito internacional e sen xustificación ou proba algunha. Mais os golpes do imperialismo non se limitan a esas fronteiras: os seus efectos séntense en todo o planeta. A disrupción do comercio internacional encarece os custos e provoca unha suba xeneralizada dos prezos, o que supón un ataque directo ás condicións de vida das clases populares e, moi especialmente, da mocidade traballadora.
E nós, a mocidade galega, sofremos estas consecuencias amplificadas por partida dobre: por sermos mozas e por sermos galegas. Por sermos mozas, porque mentres vemos os nosos dereitos recortados e as nosas oportunidades minguadas, coa única perspectiva da emigración ou de empregos precarios no sector servizos, o impacto desta crise golpéanos con máis forza. E por sermos galegas, porque a falta dunha rede de transportes públicos ben cohesionada condénanos a empregar o coche para nos desprazarmos aos nosos centros de traballo e estudos; porque padecemos con especial intensidade a pobreza enerxética; e porque sentimos especialmente o impacto directo que o encarecemento dos carburantes ten sobre sectores produtivos fundamentais no noso país, nomeadamente a pesca.
Os datos oficiais confirman o que xa notamos nos petos: en marzo o IPC disparouse até o 3,3 %, un dos maiores picos dos últimos catro anos. Un encarecemento brutal arrastrado polos carburantes, cunha suba do 29 % no gasóleo e do 19 % na gasolina, que moi cedo repercutirá no resto de produtos básicos. Mentres o custo da vida non deixa de medrar como consecuencia destas políticas, os nosos salarios seguen conxelados, amplificando así unha fenda insoportábel que condena a clase traballadora a unha precariedade cada vez maior.
Fronte a esta emerxencia, encontramos un goberno da Xunta da Galiza sumido na pasividade e carente de calquera idea. Un executivo sen ambición para defender o noso país, reducido a ser unha simple correa de transmisión ao servizo de intereses alleos. Xa non só é que non teñan un proxecto a longo prazo, cunha política industrial real que xere emprego de calidade, ou unha rede de mobilidade que nos garanta transporte público digno. É que nin sequera, como mínimo, procuran a execución urxente de medidas a curto prazo para frear o golpe desta crise nas familias e no noso tecido económico.
Por outra banda, continuamos a observar como esta escalada bélica implica a redución no investimento en bens e servizos públicos chave, como a sanidade ou a educación. Mentres as mozas de clase traballadora non podemos acceder a un ensino público de calidade; mentres a crise da vivenda nos impide emanciparnos das nosas familias; mentres continuamos a sofrer a precarización da atención médica e carecemos de recursos públicos para a saúde mental ou bucodental… mentres todo isto pasa, temos que aturar que o goberno do Estado aumente un 45 % o gasto militar para acadar o obxectivo do 2 % do PIB imposto pola OTAN.
Por todo isto, neste Primeiro de Maio reclamamos máis soberanía para o noso pobo. Soberanía para nos dotarmos dunhas institucións que estean, de verdade, ao servizo da clase traballadora galega. Soberanía para pórmos os nosos recursos ao servizo do benestar e do progreso do país. Soberanía para loitarmos por un mundo máis xusto, igualitario e en paz. E soberanía, en definitiva, para non termos que sofrer nunca máis que as súas guerras sexan a nosa precariedade.
Así mesmo, a nivel lexislativo, continuamos reclamando a derrogación das reformas laborais e de pensións aprobadas polos gobernos estatais nas últimas dúas décadas, que só serviron para precarizar aínda máis a situación das mozas e traballadoras galegas. Reivindicamos tamén o noso dereito á soberanía e á xestión da clase traballadora do noso país, como ferramenta coa que nos dotarmos dunha maior cobertura e protección social e laboral. Na Galiza liberada, o coidado das persoas e a garantía dos seus dereitos non estarán supeditados ao capital.
Do mesmo xeito, afianzamos o noso compromiso coa reactivación do sector agrario. Condenamos as décadas de recortes no sector sanitario e reclamamos unha maior protección no ámbito dos coidados. Defendemos un ensino público e forte, con profesorado e recursos suficientes para ofrecer unha educación igualitaria e de calidade. Entendemos que o avance da nosa nación depende tamén dunha investigación e innovación punteira, para a que reclamamos un maior investimento; co que, ao mesmo tempo, mitigar as alarmantes cifras de emigración do noso país. En definitiva: loitamos por que os nosos recursos estean ao servizo da clase traballadora, e para que o noso traballo nos permita vivirmos unha vida digna.
