1.º de maio: paz, soberanía e traballo digno. Artigo Laura Pérez

Laura Pérez

Hai quen insiste en converter o 1.º de maio nunha celebración baleira, como se se tratase dunha loita xa superada tempo atrás. Mais como cada ano, esta data segue poñendo de manifesto nas rúas das vilas e cidades da Galiza a realidade da clase traballadora e, especialmente, da mocidade, que está fortemente marcada pola precariedade.

Cada vez é máis común atopar contratos temporais que se van sucedendo no tempo e salarios que non satisfán as necesidades dunha vida digna. No mellor dos casos, o soldo chega para pagar o alugueiro, a comida e o transporte. Mais ter un traballo hai xa tempo que deixou de significar vivir cunha certa tranquilidade financeira. Segue sendo unha quimera para a maior parte das mozas obreiras deste país acceder a unha vivenda, mentres as medidas dos gobernos español e galego neste senso seguen sen chegar.

O mesmo ocorre no día a día: a cesta da compra sobe e os combustibles fano a un ritmo inasumíbel para a clase traballadora. Isto é especialmente grave se temos en conta que para desprazármonos polo noso país non sempre podemos optar polo transporte público, xa que os servizos son deficitarios, os horarios non se adaptan ás nosas necesidades, ou incluso hai zonas do país que aínda a día de hoxe non están vertebradas. Isto obríganos a empregar un vehículo e a sufragar nós mesmas os gastos que supón.

Porén, os salarios mantéñense e é a clase traballadora quen sofre as peores consecuencias. Esta situación continuará agravándose mentres o Estado español teña a ben seguir destinando unha parte maior dos recursos públicos ao gasto militar. Adquírense mísiles valorados en millóns de euros aos EUA sen ningún tipo de miramento para cumprir así cos desexos da OTAN. E nós, mentres tanto, vemos como se pechan aulas ou centros de saúde ao noso arredor, e como se remata así co dereito a un ensino e a unha sanidade pública e de calidade.

Por outra banda, o goberno da Xunta de Galiza permanece completamente alleo á realidade e ás problemáticas que enfronta a mocidade galega, polo que non podemos agardar ningún tipo de política favorable aos intereses da clase traballadora. Pouco lle importa ao Partido Popular que a emigración xuvenil sexa unha constante por non ter perspectivas dunha vida digna.

É evidente a necesidade de reclamar máis soberanía para o noso país e poder ter, por exemplo, institucións que só se deban á clase traballadora galega e non a axentes externos, os cales están máis preocupados por destruír pobos coas súas guerras que por mirar para a xente á que gobernan. Tamén para poder decidir en que se invisten os nosos recursos, os que son de todas e todos nós. Xerar postos de emprego, revitalizar os sectores produtivos e garantir unhas condicións de vida dignas aquí, na nosa terra.

A Galiza é un pobo de paz e por iso cómpre que mostremos firmeza na nosa repulsa a calquera actuación bélica que se execute e se financie cos nosos propios cartos. Non vale mirar cara a outro lado. Na Galiza: paz, soberanía e traballo digno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *