1º de Maio. Contra a precariedade, traballo digno para a mocidade!

As mozas e mozos das clases populares da Galiza sofren hoxe a segunda convulsión económica do noso tempo, despois da creba do 2008, azouta a crise da COVID e as consecuencias derivadas da guerra na Ucraína converténdonnos na xeración da dobre crise. O alto paro xuvenil, a falta de vivenda accesibel e digna, as malas condicións laborais máis os baixos salarios son as principais problemáticas que nos atacan.

Padecemos unha situación laboral especialmente vulnerábel pola temporalidade e inestabilidade que non consegue ser atallada pola maquillaxe da nova reforma laboral impulsada pola ministra de emprego, os sindicatos estatais e a patronal que ten como obxectivos principais perpetuar a reforma laboral do goberno de M. Rajoy e recortar a incidencia dos sindicatos rexionais favorecendo os estatais, cando son estes quenes están máis preto dos problemas reais da clase traballadora. A día de hoxe seguimos sofrindo un paro xuvenil que ronda o 30% sen que se presenten programas nin medidas serias para revertir esta situación. Nin os sindicatos estatais, nin ministras, nin moito menos a patronal nos defende. Faise imperante que sexamos nos, as mozas e mozos de clase traballadora, quen loitemos polos nosos dereitos fronte ó gran capital español e o estado ó seu servizo. 

Por estas razóns dende Galiza Nova ademais de conmemorar este primeiro de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, a figura de todas e todos aqueles que tiveron que aturar dende estes últimos 14 anos o golpe dun sistema incapaz de garantir os seus dereitos básicos, invitamos á xuventude do país non só a participar nas manifestacións que a CIG convoca para este día, senón tamén afiliarse ó sindicato e fornecer ó país dun marco sindical soberano e propio para continuar traballando día a día por unha Galiza ceibe de explotación. 

Contra a precariedade, traballo digno para a mocidade!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *