20 anos do Prestige: mareas negras

Hoxe fanse 20 anos do afundimento do pretoleiro Prestige nas nosas costas vertendo perto de 90.000 toneladas de chapapote. Milleiros de voluntarias e traballadoras do mar mobilizábanse para a recollida dos refugallos nas nosas praias, no medio dunha xestión baseada en mentiras e en minimizar os custes políticos.

Dúas décadas despois, os impactos daquel vertido seguen a ser incalculábeis: numerosas especies animais e vexetais mortas, a extinción dalgunhas aves peláxicas, a penetración da mancha en parques e zonas protexidas, etc. Tampouco quedou cuantificado o efecto desta marea negra sobre as actividades pesqueiras ou marisqueiras e sobre o resto das actividades económicas relacionadas co mar: calcúlase unha redución do 50% na compra de peixe e marisco galego. Ademais 2500 barcos e 7000 familias quedaban amarradas en porto.

A día de hoxe continúan a aparecer manchas de chapapote identificadas con aquel vertido do 2002 e 10.000 toneladas desas 90.000 recollidas maioritariamente por persoas voluntarias fican almacenadas esperando para ser tratadas.

Foi grazas á mobilización social xerada en torno ao Nunca Máis que se acadaron certas axudas e avances en lexislación ambiental, póndose en marcha novos protocolos de actuación. O movemento Nunca Máis permitiu elevar o nivel de conciencia ambiental colectiva na Galiza. Botando a vista 20 anos atrás faise evidente que a xestión do desastre por parte dos gobernos galego e español foi infame e neglixente. Os responsábeis políticos gozan a día de hoxe de total impunidade.

Mais sería un erro considerar o desastre do Prestige unha anomalía puntual. Vinte anos máis tarde temos asistido a “outras mareas negras”: os reiterados incendios forestais -que xa levan consumido neste tempo máis de medio millón de hectáreas-,  o modelo de xestión forestal ao servizo de multinacionais como ENCE, a continuidade do modelo SOGAMA de incineración de residuos, o impacto engadido dos baleirados dos encoros polas grandes hidroeléctricas, os continuados vertidos ás nosas rías e ríos e, nomeadamente nos últimos tempos, o espolio eólico.

Todos estes ataques ao noso medio teñen un denominador común: o encaixe colonial da Galiza que ten como único fin a colocación da nosa natureza ao servizo da extracción e obtención de rédito económico. Así, o noso medio natural e a súa xestión nunca nos pertenceron.  Impedíndonos polo tanto, preservalo, potencialo e conservalo para reverter na calidade de vida da sociedade galega. En datas como a de hoxe é necesario analizarmos eventos como o do Prestige mais termos unha perspectiva global. Vinte anos máis tarde continuamos berrando contra a causa dos nosos problemas. A nosa terra é nosa!