20 de febreiro: Folga Estudantil!

20feb O 20 de febreiro todo o estudantado galego está chamado á saír á rúa para frear os ataques contra o ensino público galego que está a levar a cabo o Partido Popular.A convocatoria de folga realizada polo estudantado nacionalista será a resposta galega contra a reforma educativa (A LOMCE) coa que o PP pretende facernos retroceder  ao modelo educativo do franquismo, privatizar o ensino e rematar co seu carácter público, universal e gratuíto.

A LOMCE impón até 4 reválidas para segregar e expulsar da educación á maioría do alumnado.

O PP estabelece exames de carácter estatal aos 8, 11, 15 e 18 anos, coincidindo co remate das etapas educativas, provocando a separacións d@s estudantes en función das súas cualificacións. Polo tanto, elimínase a avaliación continua e o papel de inclusión e igualdade social do ensino, para transformalo nunha educación elitista e clasista.

O PP privatiza e destrúe o ensino público.

Discrimínase o acceso á educación das familias con menos recursos, recortando e privatizando o ensino público e beneficiando á privada-concertada, que aumenta a súa financiación pública porque si poderá acoller a demanda que a pública non está en condicións de asumir polos sucesivos recortes.

Queren un ensino para españolizarnos.

O modelo educativo de Feijóo e Rajoy nega a nosa identidade como pobo galego e pretende difundir as súas ideas españolistas. Comezaron perseguindo a nosa lingua nas aulas mediante a imposición do ‘Decretazo antigalego’, e agora será o goberno central por medio da LOMCE quen determine os contidos das materias a impartir na Galiza, e non a Xunta, que é quen posúe plenas competencias en materia de ensino. Desde Galiza Nova negámonos a que desde Madrid decidan por nós, pois teremos menos contidos sobre a nosa realidade económica, social, cultural ou natural. Ademais, favorecerase a escolarización en español facilitando o acceso a prazas en centros privados (pagadas con cartos públicos!) para evitar que o alumnado reciba aulas no noso idioma.

O PP pretende educarnos na súa ideoloxía rancia, favorecendo a materia de relixión e a segregación do alumnado por razón de sexo.

A LOMCE considera a relixión unha materia importante e favorécea en todo o ensino (incluído o bacharelato) outogándolle máis relevancia que á Lingua e Literatura Galegas. A materia alternativa á relixión será máis esixente, co obxectivo de que o alumnado curse relixión por ser máis doada. Nun estado verdadeiramente laico, ningunha relixión debe impartirse na aulas! Ademais favorecerase aos centros que segregan ao alumnado por razón de sexo!!

Estes retrocesos van acompañados doutras graves medidas do PP como os durísimos recortes en bolsas e recortes do orzamento para as axudas de libros de texto e material didáctico nun 36%, ademais do despedimento de máis de 2.500 profesoras/es desde que Feijóo chegou ao goberno galego e que xunto coa supresión de ESO e Bacharelato en numerosos institutos deteriora enormemente a calidade educativa e masifica as aulas da Galiza; sen esquecermos a implantación do copago en comedores escolares e a supresión deste servizo en moitos centros.

Desde Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, levamos moitos anos de loita e mobilización na defensa dos nosos dereitos e por iso chamamos á folga estudantil do 20 de febreiro e a participar nas manifestacións que percorrerán toda Galiza.

Non nos resignamos!
O ensino é un dereito, e non un privilexio!