’20F Tomemos a rúa!’ Artigo do Secretario Xeral de Galiza Nova

destacadaAs rúas da Galiza volverán encherse de berros e ilusións de milleiros de mozas e mozos que este 20 de febreiro tomarán as vilas e cidades do noso país contra a lei da wertgoñae os ataques cos que o PP condena ao ensino galego á miseria máis absoluta. As políticas nefastas do PP xa nos teñen acostumados a retrotraernos ao pasado a través desa máquina do tempo que o Partido Popular é quen de facer funcionar á perfección e cuxa única parada leva por data a do 18 de xullo do 36.

Pensarían no goberno que ao aprobaren a lei da wertgoña o conto morrería. Pero os cálculos lle fallaron e non contaban con que as e os nacionalistas non gostamos da resignación. O axer do estudantado nacionalista cunha nova folga na Galiza para o 20F sitúa novamente á mocidade galega na vangarda da defensa do ensino público. Este 20 de febreiro faremos unha nova trincheira nas rúas, formadas por milleiros de estudantes que fan da non resignación o espírito dunha xeración negada reforma tras reforma polo PP.

“Esta folga será novamente a resposta galega e estudantil contra unha lei que pretende utilizar o ensino para españolizarnos”

Esta folga será novamente a resposta galega e estudantil contra unha lei que pretende utilizar o ensino para españolizarnos, continuando a cruzada de Feijóo coa persecución da nosa lingua nas aulas, ao tempo que buscan adoutrinarnos, reforzando a materia de relixión e favorecendo á privada.

Unha lei impulsada por un ministro que despreza a educación e a cultura publicamente, e que non dubida en apuntar co seu dedo inquisidor ás capas máis desfavorecidas da poboación e impedirlles o acceso ao ensino. Son pois, até 4 as reválidas para expulsar da educación ao alumnado das clases populares. Exames estatais non só aos 18 anos como nos tiñan acostumad@s cunha selectividade inxusta e elitista, senón tamén ás temperás idades de 8, 11 e 15 anos, coa finalidade de separar ás e aos estudantes polas súas notas. Tiran pola borda a formación continua que tan difícil é de introducir cando se confronta coa idea carca do ensino meramente memorístico e da avaliación trimestral ou cuadrimestral a través de exames.

“Paso a paso, folga a folga, estamos facendo a nosa propia historia, a historia dunha xeración en pé polo seu futuro e escrita en tempo de loita”

O favorecemento do goberno á escolarización en español pondo a disposición prazas na privada )(pagadas con cartos públicos) para evitar que o alumnado reciba aulas no noso idioma, o favorecemento dos centros que segregan por razón de sexo ou a implantación do copago en comedores son algunhas das moitas afrontas que o ensino e as galegas e galegos estamos a padecer.

Moita mobilización vai facer falla para erguer unha trincheira tan alta e forte que sirva de muro de contención contra as políticas españolistas e dereitosas do goberno. E moita mobilización nos queda por diante, sempre coa mellor das ilusións, porque paso a paso, folga a folga, estamos facendo a nosa propia historia, a historia dunha xeración en pé polo seu futuro e escrita en tempo de loita.

Alberte Mera García
Secretario Xeral de Galiza Nova
Artigo de opinión publicado en Sermos Galiza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *