Eran as 15.10 horas dun 13 de novembro, ano 2002, un buque petroleiro baixo o nome de ‘Prestige’ de grandes dimensións e que transportaba 77 000 toneladas de fuel óleo pasaba moi próximo á costa galega cando o seu capitán escoita un forte golpe que provoca a saída de parte do fuel que transportaba. Cinco minutos despois o Centro de Salvamento de Fisterra recibe o famoso «mayday, mayday» que o buque emitía. O resto é historia, triste historia do noso país que, por moito que se rememore, non deixa de doer.
A do Prestige é a historia da maior catástrofe ambiental que viviu Galiza desde que nos alcanza a memoria, mais tamén a historia dunha das maiores neglixencias en canto á xestión política dunha catástrofe por parte do PP á fronte da Xunta de Galiza e do Goberno español. A incompetencia e a falta de escrúpulos do Partido Popular fíxose evidente ante os ollos do mundo mentres millares de toneladas de fuel óleo inundaban o noso litoral. Foi só o pobo galego o que, a través do seu esforzo, se arremangou e se puxo a limpar co que puido e como puido as nosas praias mentres o PP se dedicaba a minimizar a catástrofe. Os xa infames «hilillos de plastilina» de M. Raxoi foi só unha das moitas indignantes declaracións que responsábeis do PP realizaron ao longo da traxedia. «Aquí ninguén quedará sen o turrón» que dicía o daquela responsábel da Consellaría de Pesca do Executivo galego, Enrique López Veiga, ou «a rápida intervención das autoridades españolas permitiu que non teñamos unha catástrofe ecolóxica» que dicía o Ministro de Agricultura do PP Miguel Arias Cañete, son só dous dos moitos exemplos que evidencian a total falta de capacidade de xestión do Partido Popular ante unha catástrofe. Infelizmente, temos exemplos ben máis próximos no tempo, co caso de Carlos Mazón, presidente do País Valencià, que tivo unha actuación noxenta durante a DINA e unha dimisión como presidente tremendamente tardía mentres mantén o seu cargo de deputado para ser non perder a súa condición de aforado; unha maneira de actuar só á altura dun verdadeiro psicópata ao que non lle importa o máis mínimo os centos de vidas que esnaquizou coa súa neglixencia.
Porén, o Prestige serviu para mostrar ao mundo a existencia dun pobo digno, inconformista e comprometido co seu país. O 1 de decembro de 2002 máis de 200 000 galegas e galegos desafiaban a chuvia e enchían as rúas da capital da nación ao berro de «Nunca Máis» nun día que pasou á historia colectiva do noso país. Porque, por moito que se diga o contrario, o pobo galego é loitador, un grupo humano de mulleres e homes que non se resigna ante as inxustizas e os ataques á súa terra. Así o levamos demostrando as galegas e galegos durante estes 23 anos con manifestacións masivas contra a implantación da macrocelulosa de Altri na Ulloa, manifestacións polo futuro da lingua galega, contra o xenocidio en curso do pobo palestino ou contra a xestión nefasta do PP ante a vaga de lumes que calcinou boa parte de Galiza este 2025.
Mobilizacións todas elas que de non ser polo nacionalismo galego organizado, non terían saído adiante e mobilizacións que mostran claramente a dignidade dun país que, a pesar de servir na actualidade como colonia do Estado español, é unha nación que se manifesta como tal, que se reivindica como tal e que buscará antes ou despois os seus dereitos inalienábeis de liberdade.
As galegas e galegos estivemos dispostas a saír á rúa para defender o país hai 23 anos, e estámolo tamén hoxe. Berrámolo e berrarémolo cantas veces fixer falta, Galiza non se vende. Nunca Máis!
