23S. As mulleres non somos mercadoría.

O día 23 de setembro, día internacional contra a explotación e a trata de persoas, é para nós unha data para manifestar a nosa condea e rexeitamento a estas prácticas que atentan directamente contra a dignidade, liberdade e seguridade de milleiros de persoas no mundo.

A sexualización e obxectivización constante das mulleres, o noso desexo e os nosos corpos imposta polo capitalismo patriarcal acada a súa forma máis cruenta a través da trata e explotación sexual do noso xénero. A procura da maximización de beneficios e a ideoloxía machista avocan a milleiros de mulleres ao ano á prostitución forzosa convertíndoas nas vítimas dun sistema inxusto que nos converte en mercadorías.

Neste sentido, o encarecemento da vida e o aproveitamento de recursos dos estados do Norte global sobre os países do Sur global converten a explotación sexual non soamente nun problema de xénero, senón tamén de raza e clase, onde ademais as mulleres trans, maioritariamente precarizadas froito do estigma social que sofren, son fetichizadas e igualmente expostas no libre mercado da prostitución.

As cifras son contundentes, a nivel mundial o 84% do tráfico de seres humanos realízase con fins de explotación sexual, desa porcentaxe o 94% son mulleres e nenas. No Estado Español isto tradúcese en máis de 45.000 mulleres e nenas no sistema de prostitución, o Estado Español é o país de Europa con maior demanda de sexo pagado. Segundo os últimos datos case o 40% dos homes en idade adulta consumiron prostitución.

Neste contexto, a lexislación do Estado español da man do goberno do PSOE e Unidas Podemos aposta por unha teoría abolicionista cunha realidade prohibicionista que estigmatiza aínda máis ás mulleres prostituídas que, ante a negativa de modificación da Lei de Estranxería ou a non-aprobación da Lei contra a Trata, se ven avocadas á marxinalidade debido á falta de auxilio económico e social fundamental para saír da prostitución. Esta realidade veuse empeorada após o pasado 7 de xuño, cando o Congreso dos Deputados, co apoio do PSOE, o Partido Popular e Unidas Podemos, aprobaba unha proposta de Lei de prostitución de carácter punitivista que non fai senón imposibilitar a emancipación das mulleres vítimas de explotación sexual, en liña coas propostas dereitistas que o feminismo radical do PSOE viña elaborando en materia de xénero.

Hoxe, no Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de persoas, e sempre, desde Galiza Nova situámonos fronte a toda explotación, avogando pola consecución de ferramentas propias que posibiliten a construción do país que queremos; un país libre de violencia machista, ergo, de calquera forma de explotación sexual.