Desde 1999, conmemórase o día da Visibilidade Bisexual. Todos os 23 de setembro, reivindicamos a importancia de visibilizarnos, de amosara nosa realidade e de organizarnos para loitar contra a cisheteronorma. Este ano non é unha excepción.
As persoas bisexuais experimentamos unha serie de estigmas e discriminacións, que continúan a perpetuarse. Ao igual que as persoas homosexuais, experimentamos homofobia, mais tamén a bifobia, que cuestiona a nosa sexualidade. As persoas bisexuais somos constantemente invisibilizadas, dísenos que “é unha fase”, que somos “viciosas”, ignorando que a nosa sexualidade ten tanta validez como as demais. A invisibilización, aparece incluso dentro do propio colectivo LGBT, onde se nos pode considerar persoas indecisas que non teñen clara a súa sexualidade. Os homes dinnos que os homes bisexuais somos gais que non se atreven a recoñecelo e as mulleres dinnos que as mulleres bisexuais somos heterosexuais que estamos experimentando ou buscando atención dos homes heterosexuais. Coma sempre, o patriarcado utiliza a nosa sexualidade e pervértea para adaptala aos seus intereses.
Ser bisexual non implica unha atracción por homes e mulleres ao 50%. A atracción flutúa e é cambiante ao longo do tempo. Nin é unha porcentaxe nin é estable. O que si é, é unha opción igual de válida que as outras. Temos dereito a sermos libres e vivir a nosa sexualidade nunha Galiza ceibe, sen termos límites impostos nin pola nosa sexualidade nin por vivirmos nunha nación oprimida. Orgullosas e bi-siveis!