23S. Día internacional contra a explotación e trata de persoas

No Día Internacional contra a explotación e a trata de persoas desde Galiza Nova confrontamos, a través das ferramentas e medios ofrecidos polo feminismo galego, cos aparellos, estruturas e formas concretas que posibilitan estas formas de violencia.

A nivel mundial, un 84% do tráfico de seres humanos realízase con fins de explotación sexual, sendo as mulleres e nenas un 94% das persoas sometidas. A incomprensión do consentimento, o encarecemento e precarización da vida e a negación do desexo feminino son algunhas das causas estruturais que redundan na explotación sexual a través da prostitución.

No Estado español esta realidade tradúcese en máis de 45000 mulleres e nenas que son explotadas sexualmente e case un 40% de homes en idade adulta que consumiron e consomen prostitución. Sen a garantía de alternativas socio económicas para as mulleres e con lexislacións e discursos que redundan na criminalización e marxinalización das prostituídas, a mercantilización dos nosos corpos continúa a incrementarse.

Desde o movemento feminista galego levamos anos loitando contra esta lacra, reivindicando unha atención integral da violencia, protección e maior dotación de medios para as persoas prostituídas. Na realidade asistimos a medidas mornas e escasas, medidas que revitimizan e desprotexen ás agredidas. Non se consegue dar resposta a esta situación, só se avanza na normalización da explotación sexual na nosa sociedade.

Como consecuencia non soamente a explotación das máis precarizadas (mulleres trans, migrantes, racializadas e/ou de clase obreira), senón tamén a expansión dun modelo patriarcal de dominación sexual, necesariamente contrario ás nocións de consentimento e desexo feministas: a trata de mulleres como exemplo radical desta realidade. Un modelo misóxino e escravista que cada día se abre paso no noso País.

Desde Galiza Nova opoñémonos a toda explotación, avogando pola consecución de ferramentas propias que permitan ofrecer alternativas a todas as mulleres e educar en feminismo, permitindo así a construción do país que desexamos: un país libre de violencia machista sen lugar para calquera forma de explotación sexual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *