Por quinto ano consecutivo Galiza Nova chamamos ao conxunto da mocidade galega a participar da manifestación xuvenil polo Día da Patria o vindeiro 24 de xullo ás 20:00 na Alameda de Compostela.
Como cada ano sairemos ás rúas a reivindicar a independencia nacional de Galiza como solución aos problemas estruturais da mocidade galega. O desemprego, a emigración, a explotación laboral, a represión e a precarización do ensino son consecuencias directas da nosa relación de dependencia colonial con España.
A mobilización é unha arma á que non debemos renunciar nunca para loitar contra todas as políticas que nos agreden día a día, así como construir unha Galiza Ceive na que poidamos ser verdadeiramente libres. Só mediante a constitución dun estado galego independente e rachando con este sistema capitalista neoliberal que nega a soberanía do noso pobo poderemos conquerir os nosos obxectivos estratéxicos e é por iso que a mocidade temos que pasar á ofensiva.
Independencia!
Manifesto: A mocidade na ofensiva. Independencia!
A xuventude independentista saímos á rúa por quinto ano consecutivo neste 24 de xullo para reivindicarmos unha
Galiza independente que rache co sistema de dominación capitalista e patriarcal. Saímos á rúa unindo as nosas voces nun único e firme berro de liberdade, solidariedade, rebeldía e internacionalismo.
Agora mesmo facemos parte dunha Galiza sometida ao empobrecemento e ao desmantelamento social, cultural e económico. Na nosa realidade diaria, a xuventude galega sufrimos baixos salarios, alta precariedade laboral, grandes índices de paro xuvenil, un nivel alarmante de emigración, o desmantelamento do noso tecido industrial, o espolio do noso territorio e dos nosos recursos naturais e outros factores que evidencian o papel de dependencia colonial que xoga a Galiza dentro do marco do Estado español. Un Estado español, aliás, profundamente antidemocrático no que estamos a vivir unha vaga regresiva nos nosos dereitos e liberdades, un Estado Español no que a repression está á orde do día contra todo e todas as que ergan a voz contra el. Reafirmamos o noso compromiso na loita por un futuro digno na nosa terra, un futuro que se nos nega condenándonos á miseria, á precariedade, á exclusión social e á emigración maciza a decenas de miles de xoves galegas. Denuciamos así mesmo a total complicidade do goberno de Núñez Feijóo e do Partido Popular co espolio do noso territorio e o desmantelamento dos nosos sectores produtivos. Un Partido Popular corrupto por definición que se enriquece a costa de nos condenar a herdar un país contaminado, espoliado e en definitiva profundamente empobrecido.
Denunciamos tamén o terrorífico embate do patriarcado; pretendendo anular a nosa liberdade como mozas e pisar os nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Erguemos as nosas voces contra todas as instuticións misóxinas que actúan contra a nosa liberdade que nos rouban a nosa capacidade de decisión e negándonos a nosa propria soberanía sobre os nosos corpos. Este sistema condénanos a seguir uns determinados roles de xénero que nos levan a seguir sendo as encargadas da reprodución da forza de traballo ao sevizo do capital e da familia como estrutura de opresión social. Así mesmo denunciamos complicidade das institucións nas campañas homófobas e transfóbicas levadas a cabo pola ultradereita, nun Estado que farda do seu “progresismo” en material LGBTI.
Ademais, tamén queremos erguer un forte berro contra os ataques que está a sufrir a nosa lingua e a nosa cultura, que están a ser excluídas deliberadamente do espazo público e das aulas polo Partido Popular. Nesa liña de destrución da nosa identidade como pobo se enmarcan os sucesivos ataques dos gobernos español e galego ao ensino que, alén de marxinar a nosa lingua e cultura, con leva a elitización e a expulsión das clases populares do ensino, algo que debemos combater. As estudantes galegas precisamos dun modelo educativo pensado por e para nós mesmas, un sistema verdadeiramente público, no que non sexa preciso explotarnos para pagar as nosas carreiras.
En definitiva, a xuventude independentista saímos máis un ano á rúa para deixarmos claro que non nos resignamos nin renunciamos á autoorganización do noso pobo para avantar no exercicio da autodeterminación cara a República Galega. Só loitando activamente contra as opresións que denunciamos é que poderemos construír esa Galiza ceibe por nós arelada. Unha Galiza na que non se despexen Centros Sociais, como o Escárnio e Maldizer en Compostela, senon que sexan a base da construción dunha nova sociedade, onde non se xulguen militantes de organizacións políticas, nen existan presas políticas.
Repetiremos as veces que fixer falla que queremos vivir libres nunhaGaliza libre; queremos un futuro digno nunha Galiza antipatriarcal que rache co sistema de produción capitalista.
Viva Galiza ceibe!
Independencia!