25 DE ABRIL, SEMPRE: O POVO É QUEM MAIS ORDENA

Pasa hoxe un ano máis sobre aquela madrugada do 25 de abril de 1974 na que o pobo portugués saíu á rúa para derrubar a ditadura fascista que durante 48 anos o subxugara e oprimirá. A revolución dos cravos foi o primeiro paso no camiño da liberdade e dos novos rumbos da sociedade portuguesa e supuxo en Galiza un sopro de esperanza para as organizacións pola liberación nacional e social.

O 25 de abril supuxo profundas transformacións económicas, o camiño da substitución do poder económico que sustentara o fascismo, e con el a opresión e a violencia, por estruturas socioeconómicas que aseguraran o desenvolvemento da economía portuguesa e novas condicións sociais que permitiran a mellora das condicións de vida dos traballadores e traballadoras. Desembocou na constitución portuguesa de 1976, unha das máis avanzadas ao seu tempo que tamén o é hoxe.

A pesar de todos os ataques que recibiu, a Constitución portuguesa sintetiza moitos dos dereitos conquistados no plano social, económico, político e cultural. No concreto, no seu artigo sétimo contempla o dereito á autodeterminación dos pobos e á insurrección contra todas as formas de opresión, contrastando coa Constitución española do 78. Así, mentres no Estado español son a dereita e o españolismo quen se aferra á Constitución con fins represivos, en Portugal é a esquerda quen fai dela unha ferramenta de loita.

As conquistas da Revolución dos Cravos non terían sido posíbeis sen a organización, o esforzo e o sacrificio de moitos homes e mulleres que no seu momento non se resignaron e decidiron romper cun réxime fascista de máis de 40 anos. A súa lección histórica continúa presente nos movementos sociais e políticos da esquerda portuguesa e atravesou fronteiras, converténdose nun auténtico referente internacional. As súas reivindicacións resultan hoxe en día máis necesarias que nunca, tanto en Portugal coma na Galiza, para garantir a supervivencia das nosas nacións e das súas clases populares fronte á voracidade do neoliberalismo imperialista.

A revolución dos cravos foi, é e será a revolución da liberdade, da solidariedade, da paz e do futuro e tomamos exemplo para, máis cedo que tarde, acadar a liberdade do noso pobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *