25 de Abril Sempre

Hai hoxe 44 anos, Lisboa deixaba de ser aquela capital gris para se converter nunha referencia para todos os movementos antifascistas e de transformación profundamente democrática. Na Galiza supuxo un sopro de esperanza para as organizacións pola liberación nacional e social. No noso país contribuíu a acrecentar a actividade de formacións políticas que traballaban na clandestinidade e representou un sopro de ar e liberdade, xa que abriu as portas ao exilio a militantes de organizacións políticas que traballaban na clandestinidade.

O 25 de Abril desembocou na Constitución portuguesa do 1976, unha das máis avanzadas do mundo no seu momento e que tamén o é hoxe. A pesar de todos os ataques e revisións que sufriu, non só sintetiza moitos dos dereitos conquistados no plano social, económico, político e cultural, senón que tamén supuxo unha barreira ao proceso contrarrevolucionario que se desatou no fin do 1975. Máis no concreto, contempla no seu artigo sétimo o dereito á autodeterminación dos pobos e á insurrección contra todas as formas de opresión, en contraste coa Constitución Española do 78. Isto explica que, mentres que no Estado Español é a dereita e o españolismo quen se aferra á Constitución con fins represivos, en Portugal é a esquerda quen fai dela un instrumento de loita.

As conquistas da Revolución dos Cravos non terían sido posíbeis sen a organización, o esforzo e o sacrificio de moitos homes e mulleres que no seu momento non se resignaron e decidiron romper cun réxime fascista de máis de 40 anos. A súa lección histórica continúa presente nos movementos sociais e políticos da esquerda portuguesa e atravesou fronteiras, converténdose nun auténtico referente internacional. As súas reivindicacións resultan hoxe en día máis necesarias que nunca, tanto en Portugal coma na Galiza, para garantir a supervivencia das nosas nacións e das súas clases populares fronte á voracidade do neoliberalismo imperialista.

Dende Galiza Nova saudamos as conmemoracións da data do 25 de abril e de todo o traballo que fixo de Portugal un estado democrático cunha das constitucións máis avanzadas do mundo, acompañamos o camiño da construción dun mundo de pobos libres e mellores condicións para as clases populares, e tomamos o exemplo para máis cedo que tarde acadar a plena liberdade do noso pobo.