Vai aí un cuarto de século de varias xeracións de mozas que ergueron a súa voz, o seu compromiso e ilusión en tempos difíciles. Neste ano no que se cumpre o 25 aniversario de Galiza Nova, cómpre non esquecermos a loita pola igualdade real e efectiva dos dereitos e oportunidades das mulleres galegas, e en concreto das mozas.
Desde os primeiros pasos que deu Galiza Nova, e maiormente xa entrados os 90, foi principal a loita contra as desigualdades e discriminacións que sufrían as mulleres. A medida que Galiza Nova medraba tamén o facían as inquedanzas das mozas da organización, nacendo deste xeito a ferramenta necesaria para a autoorganización delas: a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.
Durante todos estes anos foron moitas as campañas postas en marcha pola Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, desde “Rompe co molde” até “Revírate contra a violencia”. A nosa organización sempre denunciou a imaxe deturpada das mulleres, ás que se lles impoñía un ideal de muller submisa ao seu home e coidadora das fillas e dos fillos e da casa. Sempre esiximos a necesidade de centros e servizos de atención sanitaria en materia de sexualidade, como foi a importantísima experiencia da rede dos Centros Quérote, posta en marcha polo BNG desde o goberno galego.
Levamos 25 anos loitando por un emprego digno, opoñéndonos ás políticas machistas coas que pretenden arrasar as conquistas laborais e sociais de moitas xeracións de mulleres. 25 anos loitando polos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, fronte a un sistema patriarcal que nos somete mediante o uso da violencia institucional directa e coa prohibición represiva dos nosos dereitos.
Así mesmo, entendemos que un dos factores perpetuadores deste sistema é a educación patriarcal e machista do ámbito familiar como das escolas. Por isto, apostamos pola coeducación como mecanismo para construír o futuro en igualdade.
25 anos de Galiza Nova saíndo á rúa contra todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres
Son pois, 25 anos de Galiza Nova saíndo á rúa contra todo tipo de violencia machista que se exerce sobre as mulleres, contra os micromachismos presentes todos os días en todos os ámbitos das nosas vidas. E hoxe, con viva voz condenamos as actitudes do Estado Español ocultando os datos do terrorismo machista e como visten de austeridade os retrocesos nos dereitos conquistados.
Nestes 25 anos tampouco nos esquecemos daquelas mulleres máis invísibeis da sociedade, daquelas con discapacidades, das migrantes sen papeis ou das prostitutas. A desigualdade e a invisibilidade histórica que soportamos como mulleres increméntase debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda mais, por mor das medidas que supostamente foron deseñadas para paliala. Recortaron en servizos públicos, levaron a cabo unha reforma laboral que precarizou aínda mais a nosa situación… pero non teñen ningún tipo de problema en financiar con diñeiro público a organizacións como Red Madre, Ayuda a la vida ou Siervas de la Pasión, organizacións católicas que para nada axudan á igualdade de oportunidades das mulleres.
A nosa loita ten que ser a vosa, unha loita galega e feminista!
Agora, mais que nunca as mozas de Galiza Nova non quedaremos nin caladas nin sentadas vendo como destrúen o noso futuro. Rebelámonos contra unhas medidas que pretenden facernos retroceder a pasos de xigante na conquista dos nosos dereitos, pero temos que ser máis para que a nosa forza sexa un muro de contención contra as políticas machistas e continuarmos adiante na emancipación das mulleres e no noso empoderamento, cara á República Galega das mulleres libres!!!
A nosa loita ten que ser a vosa, unha loita galega e feminista!
Que non nos paren!
Lucía Veciño Souto
Responsábel Nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.