Perante un novo Día da Patria Galega, Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) chama a toda a mocidade galega a participar da manifestación nacional que partirá o 25 de xullo ás 12 horas desde a alameda de Compostela, e animamos a participar na comitiva xuvenil formada por Galiza Nova para visualizar a importancia da xuventude no proceso de liberación nacional, do que ha der ser non observadora senón protagonista auténtica da revolución que ergue día a día o noso país, para facer del unha nación ceive e xusta.
Chamamos pois á rebeldía, a sumar o apoio da mocidade toda á loita pola soberanía de Galiza, polo dereito a decidir como pobo sobre as cousas que nos afectan a diario.
Queremos a independencia, querémolo todo, pois a soberanía é a ferramenta política que mellor pode granter a conquista das melloras de vida das galegas e dos galegos, para gañar en liberdades, traballo e dereitos. Porque con soberanía teríamos o poder sobre os recursos económicos e políticos para dedicar ás cuestións que son prioritarias para o noso pobo, como a a necesidade de políticas propias pensadas para a mocidade galega, para a creación de traballo digno e na terra, para converter a riqueza da Galiza en fonte produtiva e laboral, políticas tamén que afortalen un ensino público, de calidade e gratuíto para que ningunha estudante quede atrás ou fóra do sistema educativo, e no que se destinen os recursos necesarios e se restitúa a lingua galega como lingua vehicular nas aulas.
Queremos independencia para mudalo todo, para poder crear políticas alternativas desde a Galiza que xeren traballo digno e que rematen dunha vez co drama da emigración xuvenil
Galiza, con soberanía, podería exercer a insubmisión ás políticas de España e da Unión Europea, por exemplo aos vetos que nos impiden producir no rural e construír barcos, ou as reformas laborais dos sucesivos gobernos españois que precarizan as condición laborais da mocidade galega e converten a maioría dos postos de traballo en temporais e en réxime de explotación absoluta.
Galiza, con independencia, sería quen de poder destinar os recursos económicos á creación de emprego, sexa ou non do agrado de Madrid e Bruxelas para podermos recuperar as máis de 100 000 persoas mozas que desde a chegada de Feijóo ao goberno galego tiveron que coller as maletas e marchar da nosa terra.
O teu pobo precisa da túa participación, da túa opinión, da túa forza…
Únete a nós, ven loitar por Galiza!
Programación de actividades do Día da Patria Galega:
24 de Xullo
17:30hs Homenaxe da Mocidade a Rosalía e Castelao. Parque de Bonaval. Compostela.
Actuarán Poetarras e Loaira. Intervencións políticas de Bieito Lobeira, Alberte Mera e Argantael Kerdudo.
20:00hs Manifestación xuvenil: A mocidade galega pola independencia. Venceremos nós. Alameda Compostela.
22:00hs Concertos do festigal. Campus Sul. Compostela.
25 de xullo
12:00 Manifestación do Día da Patria Galega. Alameda de Compostela.
14:00 Festigal.