A mocidade galega queremos construír un tempo novo para vivir nunha Galiza con presente e futuro, chea de vida, traballo e prosperidade.
Urxe mudar a actual situación e revertela en favor da mocidade e o pobo galego.
A ningunha sucursal dos partidos españois en Galiza lle interesa nin lle van permitir que traballe polos dereitos que nos corresponden. Por iso, os avances sociais que en Galiza conquistemos, serán conquistas que fagan as galegas e galegos, autoorganizadas, sen dependencias, sen pedir permiso a Madrid.
Hai alternativa a esta situación de emerxencia social e nacional en que vivimos. O nacionalismo galego é a chave que precisamos para mudar a nosa realidade: para xerar emprego digno no País, desenvolver a economía e industria galegas, para investigar aquí, para investir en coñecemento, desenvolver as inmensas potencialidades do noso país e a súa mocidade; unha Galiza cun ensino público de primeira, onde ninguén quede fóra por motivos económicos; erguendo a Galiza da igualdade e a diversidade, desterrando o machismo e a LGTBifobia…
Súmate á revolución galega para abrir #UnTempoNovo, para a mocidade ter presente e futuro en Galiza.
Se pensas que o 25 de setembro non vas estar na localidade na que che corresponde votar, non te preocupes porque podes apoiar ao BNG votando por correo.
1. SE RESIDES NA GALIZA OU NO ESTADO ESPAÑOL:
ATÉ O 15 DE SETEMBRO:
Vai a calquera oficina de correos co teu Documento de Identidade e cubre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral.
Remitiranche ao enderezo que solicitaches (ou podes recollela na túa Oficina de Correos correspondente) a documentación para poder votar (certificado de inscrición, papeletas e sobres electorais, sobre para o envío, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso).
Con esta documentación (que, se solicitas que cha envíen, deberías recibila a partir do 5 de setembro) elixe a papeleta do BNG. Introduce a papeleta no sobre de votación. Logo méteo no outro sobre máis grande xunto a inscrición no censo e o enderezo da mesa electoral.
ATÉ O 21 DE SETEMBRO:
Prazo para enviar dende Correos o teu voto, por correo certificado e urxente. Todos estes pasos son GRATUÍTOS.
2. DESDE FÓRA DO ESTADO ESPAÑOL:
Aquí atopámonos con dúas posibilidades. Voto CERA e voto ERTA. Segue lendo para ver en cal te encadras ti e cales son os prazos dos que dispós:
VOTO ERTA.
PERSOAS QUE RESIDAN TEMPORALMENTE NO ESTRANXEIRO.
Pode ser o caso de estudantes de Erasmus, por exemplo.
ATÉ O 5 de SETEMBRO (Novo prazo. Antes, 27 de agosto):
Neste caso tes que dirixirte PERSOALMENTE co teu carné de identidade á oficina do consulado que che corresponda (podes buscar a que che corresponde premendo aquí). Nesta oficina, debes solicitar a túa inscrición como “non residente” para acceder ao censo de non residentes. Unha vez feito isto, xa podes entregar a SOLICITUDE cumprimentada (ben levala cuberta ou cubrila alí). A inscrición e a entrega da solicitude poden facerse no mesmo día.
Posteriormente, enviaranche a documentación para votar ao enderezo indicado na solicitude (a partir do 30 de agosto). Daquela, poderás escoller a papeleta correcta e seguir os pasos que che indiquen para enviar todo. A data límite para o envío por correo certificado gratuíto á mesa electoral que che corresponda é o 21 de setembro!
VOTO CERA.
PERSOAS QUE RESIDAN DE XEITO HABITUAL NO ESTRANXEIRO.
Por exemplo, se levas máis de un ano fóra traballando ou estudando. Podes solicitar o “voto rogado” mediante certificado electrónico, clave telemática, correo postal ou fax (información estendida) como máximo até o 28 de agosto! Posteriormente, enviaranche a documentación para votar á túa casa. Daquela, poderás escoller a papeleta correcta e seguir os pasos que che indiquen para enviar todo. A data límite para o envío por correo certificado gratuíto ao consulado que che corresponda é o 20 de setembro. Tamén podes votar en urna no Consulado (21, 22 e 23 de setembro).
Se che corresponde o voto CERA, pero te atopas estas datas en Galiza, podes solicitar o voto por correo como o fan os residentes no noso país, sen que iso supoña a túa baixa no CERA. Tes ata o 15 de setembro para solicitar o voto nunha oficina de Correos (consulta o punto 1). Terás que enviar o teu voto á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral. Recorda que ao ser CERA, non estás xa empadroado na túa vila ou cidade e non poderás votar en urna aínda que o 25 de setembro esteas alí. Polo tanto, debes votar por correo.
*Todo o proceso é de balde.
** Unha vez que solicitas o voto por correo (aínda que despois desistas) impide o voto presencial na mesa electoral o día das eleccións.
*** Para que o teu voto sexa válido, ten que constar claramente no sobre dirixido á Mesa electoral o cuño ou inscrición oficial dunha oficina de correos do Estado no que esteas, de xeito que acredite que se remitiu todo dentro do prazo previsto.