Galiza ten protagonizado nos últimos anos as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino público galego. Mais os poderes españois volven atacar a nosa educación. Por iso, desde Galiza Nova chamamos á mocidade a secundar a folga do estudantado galego do 26 de febreiro, e a saír ás rúas para erguer na Galiza unha resposta firme ante o modelo educativo do PP e o xogo da gran banca que fai negocio coa educación. Mobilicémonos para loitar por aquilo que pertence á mocidade e que lle queren arrebatar para sempre: o dereito universal a un ensino galego, público, laico e de calidade.
A Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) xa se empezou a aplicar neste curso. Con ela, o PP fainos retroceder ao modelo educativo do franquismo e consolida a privatización do ensino.
Rebelámonos contra a LOMCE porque impón até 4 reválidas para segregar e expulsar da educación á maioría do alumnado: o PP estabelece exames de carácter estatal aos 8, 11, 15 e 18 anos, provocando a separación d@s estudantes en función das súas cualificacións. Elimínase así a avaliación continua e o papel de igualdade social do ensino, para transformalo nunha educación elitista e clasista.
Paremos a privatización e destrución do ensino público: O PP discrimina o acceso á educación das persoas con menos recursos, recortando e privatizando o ensino público e beneficiando á privada-concertada.
Queren un ensino para españolizarnos: O modelo educativo do PP nega a nosa identidade como
pobo galego e pretende difundir as súas ideas españolistas. Comezaron perseguindo a nosa lingua nas aulas coa imposición do ‘Decretazo antigalego’. Ademais, favorecerase a escolarización en español facilitando prazas en centros privados (pagadas con cartos públicos!) para evitar que o alumnado reciba aulas no noso idioma.
Polo ensino galego e laico. Contra o adoutrinamento do PP nas escolas! A LOMCE considera a relixión unha materia importante e favorécea até no bacharelato. Nun estado verdadeiramente laico, ningunha relixión debe impartirse na aulas. O PP tamén subvenciona con cartos de tod@s nós aos centros que segregan ao alumnado por razón de sexo!!
Desde que Feijóo chegou á Xunta xa foron despedidos máis de 2500 profesores/as e suprimiuse a ESO e o bacharelato en numerosos centros, provocando a masificación das aulas, co conseguinte deterioro da educación pública.
Fica atent@ á nosa páxina web para coñecer as horas e lugares das mobilizacións deste 26 de febreiro!
O ensino é un dereito e non un privilexio!