27 de setembro: organízate connosco pola emancipación xuvenil. Artigo Marta Gómez

Marta Gómez

É a realidade, na Galiza, só unha de cada seis mozas menores de 30 anos consegue emanciparse. O prezo do alugueiro dun piso de 60 m2 en cidades como Vigo ou A Coruña supera os 700 euros ao mes, cando o salario medio da mocidade non chega aos 1100 € (máis de 60 % do salario destinado a pagar un aluguer, en que cabeza cabe?). Con estes datos, quen pode falar de liberdade xuvenil? Quen pode asegurar que temos futuro no noso país? Quen di que podemos comezar os nosos proxectos de vida?

A realidade é que a mocidade vivimos unha emerxencia social e nacional. Somos unha xeración obrigada a malvivir con contratos temporais, a partillar piso ou seguir vivindo na casa familiar até ben entrada a trintena ou directamente a coller un avión e marchar. Cada ano marchan do noso país milleiros de mozos e mozas, forzados a buscar fóra aquilo que se nos nega na casa. E, mentres tanto, Galiza segue a ser espoliada, sen capacidade de decidir sobre os seus recursos nin sobre o seu futuro.

Por iso, falar de emancipación xuvenil é falar tamén de emancipación nacional. Sen soberanía non hai dereito á vivenda, non hai traballo digno, non hai posibilidade de que a mocidade viva con dignidade na súa terra. Só unha Galiza ceibe e soberana pode garantir que quen queira quedar, poida facelo. E poida facelo en condicións dignas.

O vindeiro 27 de setembro, na Coruña, Galiza Nova convocamos un acto de inicio de curso que non é un máis no calendario: é un berro colectivo, unha chamada a nos organizarmos, a construírmos forza e esperanza fronte á resignación. Será un día para pór rostro e voz a esta xeración que non se rende, que sabe que o futuro non se espera, conquístase.

Queremos que o noso presente non estea marcado pola precariedade, senón pola dignidade. Queremos poder decidir quedar. Queremos abrir a porta da nosa propia casa, non vivir eternamente en pisos partillados. Queremos que a nosa creatividade e o noso talento sexan para levantar Galiza e non para engordar estatísticas doutros países.

O 27 de setembro imos demostrar que a mocidade galega ten forza, ten dignidade e ten un compromiso firme co seu país. A Coruña será o escenario onde volver dicir que non aceptamos unha vida a medias, que queremos todo: vida digna, dereitos plenos, soberanía.

A mocidade galega non está calada nin resignada. O 27 de setembro ergueremos a voz xuntas para dicir que outra Galiza é posíbel e que está nas nosas mans conquistala.

Vémonos?

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *