28 de maio: Día de Acción Mundial pola Saúde das Mulleres, dereitos sexuais e dereitos reprodutivos

destacada_cAnte un novo 28 de maio, Día da Acción Mundial pola Saúde das Mulleres, Dereitos Sexuais e Reprodutivos, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova reivindica o dereito a decidir das mulleres por seren dereitos humanos universais.

En pleno século XXI o goberno do PP está emprendendo unha caza de bruxas para non permitir que poidamos decidir sobre os nosos propios corpos.

Unha vez máis, denunciamos un sistema patriarcal que segue empeñado en relegar ao espazo privado a sexualidade e a reprodución, e a imposibilitar unha educación sexual temperá, ausente de roles de xénero e de estereotipos moralistas, sempre dirixida á heterosexualidade, ás persoas que manteñen relacións estábeis, sen ter en conta a diversidade. Cando debería inculcar durante os anos formativos unha conduta sexual responsábel, sensibilidade e equidade nas relacións entre os sexos.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, facemos un chamamento a todas as mozas do país a que acudan a MANIFESTACIÓN NACIONAL do próximo 15 de xuño en Vigo, así como participar das actividades que haberá desde ás 11:30 ata ás 18:00, convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Dereito ao Aborto, da cal formamos parte, con motivo do seu aniversario.

Insubmisas e rebeldes sempre!