28 de xuño. Día do Orgullo LGBT

A orixe do Día do Orgullo LGBT remóntase ao 28 de xuño se 1969 en Nova York, na discoteca Stonewall Inn. Foron as mulleres trans negras e drag-queens as que iniciaron unha serie de manifestacións contra a represión da policía e as forzas da orde que estaban a cohartar e limitar os seus dereitos.

Máis de 50 anos despois, no colectivo LGBT seguimos a loitar contra a discriminación por mor da nosa orientación sexual ou a nosa identidade de xénero. Infelizmente, temos exemplos abondo durante o último ano de agresións verbais e físicas, chegando incluso ao asasinato, sufridas por persoas LGBT no noso país.

Cómpre analizar tamén a apropiación feita polo do capitalismo da nosa loita, que loce máis evidente durante o mes do orgullo. As grandes multinacionais e grupos económicos sacan a súa bandeira do arco da vella durante estes 30 días, abrazando a máxima da tolerancia mentres continúan alimentando a desigualdade social e a discriminación. Cómpre desde o colectivo seguir loitando polos nosos dereitos. A nosa loita debe ir da man do feminismo, da loita de clases e da loita nacional. Non entendemos o Orgullo sen interseccionalidade.

Queremos rachar con este sistema corrupto que leva inserido no máis profundo do seu ser a violencia, este sistema que protexe a partidos políticos e organizacións LGBTfóbicas e as financia con diñeiro público, erixindo á ultradereita aos estrados mentres nos agrede. Queremos unha República galega na que sermos libres, na que poidamos mostrarnos abertamente orgullosas da nosa sexualidade e da nosa identidade de xénero. Queremos vivir nunha Galiza soberana, onde se respecten todos os nosos dereitos, sen vérmonos atacadas por ser trans, non binarias ou lésbicas. Recollendo a herdanza que nos deixaron as nosas compañeiras, seguiremos en pé loitando ata estarmos libres de toda explotación.

LOITA, ORGULLO E DIVERSIDADE. POR UNHA VIDA DIGNA!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *