O 28 de setembro é o Día da Acción Global por un Aborto Legal e Seguro. Hai máis de 30 anos que se celebraba o V Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, alí analizouse que as situacións de clandestinidade do aborto eran a primeira causa da mortalidade nas mulleres en moitos países desa rexión, e alí mesmo declarouse o 28 de setembro como o Día da Acción Global polo acceso ao Aborto Legal e Seguro. Desde entón foron moitas as mulleres, colectivos e países que se sumaron a esa reclamación e fixeron propia a data.
En Galiza, o movemento feminista leva anos visibilizando a situación do aborto no Estado Español e en concreto do caso galego: un sistema sanitario precario que non pode garantir a interrupción do embarazo na sanidade pública galega, que non garante a gratuidade do servizo ou mesmo que non garante o cumprimento dos protocolos.
Neste ano 2022 o goberno do Estado vén de publicar a nova Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo. Esta lei recupera algúns dos dereitos perdidos coa reforma do PP do 2015, como o acceso ao aborto libre para as mozas de 16 e 17 anos, e amplía o obxecto lexislativo, engadindo a cuestión da píldora do día despois e cuestións de saúde menstrual.
As mozas de Galiza Nova recibimos con cautela esta nova lei, mantendo unha ollada crítica a respecto de como se vai materializando esta lei para evitar que fique en papel mollado. No noso país nunca se conseguiu garantir o acceso á IVE nos centros sanitarios públicos, xa que o SERGAS continúa derivando a maior parte dos procedementos a clínicas privadas, xustificándose nunha alta obxección de conciencia na sanidade pública galega a respecto do aborto.
Queremos aproveitar este 28 de setembro para falar do acceso ao aborto libre, seguro e garantido na sanidade pública galega, e reclamamos:
-
Educación sexual e reprodutiva en todos os niveis de ensino, facendo fincapé na educación desde o consentimento e con perspectiva de xénero.
-
Maior investimento na saúde das mulleres, favorecendo os estudos científicos sobre patoloxías e cuestións específicas propias que sempre se ven relegados a un segundo plano en investigación, como sucede por exemplo, co caso da endometriose.
-
Garantía real do acceso do dereito ao aborto na sanidade pública e blindaxe dos nosos dereitos.
-
Reactivación dos centros Quérote +, con maior dotación de medios e persoal para que volvan a ser un punto de referencia en asesoramento afectivo-sexual.
-
Reforzo de persoal dos CIM e dos COF e desenvolvemento de novos centros, garantindo a equidade no acceso de todas as mozas que os precisen.
-
Elaboración dunha estratexia para a atención integral á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, asumindo as competencias propias da Xunta de Galiza e garantindo o noso acceso a unha sanidade pública de calidade.
Neste 28 de setembro e todos os días do ano, as mozas galegas reclamamos un aborto libre, seguro e gratuíto na sanidade pública galega!