Dereito a decidir: Contra as violencias sanitarias na Galiza e polo aborto libre e sen restricións.
A día de hoxe, no noso país, o acceso ao aborto segue a ser unha dificultade no que as violencias sanitarias e o control patriarcal limitan os dereitos das mulleres. Aínda que o marco legal recoñece o dereito a interromper o embarazo, a realidade é ben distinta: barreiras estruturais, falta de medios, obxeción de conciencia masiva… son tan só algúns dos problemas que teñen como resultado un sistema que maltrata ás mulleres e que perpetúa un control inxusto sobre os seus corpos.
A primeira e máis evidente destas violencias é a obxección de conciencia. A día de hoxe na capital do país a maioría das interrupcións voluntarias do embarazo derívanse a centros privados debido a esta problemática e, aínda que non se coñecen datos concretos, este dereito persoal converteuse nunha arma sistémica que bloquea o acceso ao aborto na sanidade pública, obrigando ás mulleres a desprazarse a outras áreas ou á recorrer á sanidade privada, deixando a moitas – especialmente no rural – sen opcións reais e vulnerabilizando ás máis desfavorecidas.
Outra forma de violencia son as demoras nos prazos, a burocracia innecesaria ou a falta de medios nos centros sanitarios. O desmantelamento constante do noso sistema sanitario obstaculiza o dereito ao aborto, onde a saúde mental e física das mulleres está en constante perigo.
Por outra banda, a desigualdade social impide que todas as galegas teñan o mesmo acceso ao aborto. Nas zonas rurais, as distancias aos hospitais, as baixas ou inexistentes liñas de transporte público ou a falta de persoal sanitario dispoñible fan que este dereito sexa algo practicamente inalcanzable.
A todas estas violencias hai que sumarlle o estigma social que segue a existir sobre a interrupción voluntaria do embarazo e a falta de educación sexual integral en Galiza. Dous problemas que agravan o acceso libre e seguro a un dereito que en pleno 2024 só está garantido no papel.
Hoxe, día da Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, remarcamos a denuncia dun sistema que maltrata, criminaliza e vulnerabiliza ás mulleres e reafirmámonos na necesidade de seguir avanzando cara unha sociedade onde o aborto sexa un dereito real e garantido para todas.
Por todo isto reclamamos:
- Educación sexual e reprodutiva en todos os niveis do ensino.
- Maior investimento na saúde das mulleres.
- Garantía real do dereito ao aborto na sanidade pública.
- Reactivación dos centros Quérote+
- Reforzo do persoal dos CIM e dos COF e desenvolvemento de novos centros.
- Elaboración dunha estratexia para a atención integral da saúde sexual e reproductiva das mulleres.
O noso camiño debe ser cara unha Galiza onde o dereito ao aborto estea plenamente garantido, onde non existan barreiras de acceso e onde cada muller poida tomar decisións libres, informadas e sen medos nin limitacións. Só nunha Galiza ceibe e feminista será posible rematar con estas violencias!