3. As medidas do BNG para construír o ensino público galego

plantilha cartazes da campanhaO 25 de setembro é a oportunidade de parar definitivamente os ataques do PP ao ensino público galego. Feijóo impuxo unha maior españolización e privatización da educación e promoveu un modelo educativo asentado na doutrina neoliberal, nos continuos recortes no ensino público e no decrecemento dos seus orzamentos (1.747 M€ neste período) en todos os niveis educativos. Perseguiu o noso idioma, prohibindo as aulas en galego das Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía. Reduciu 3000 docentes. Eliminou dereitos e reduciu os salarios do profesorado. Suprimiu nos últimos 5 anos 411 unidades e fechou 58 escolas no ensino público en tanto creou 243 no concertado, incluídas as que segregan o alumnado por razón de xénero. Masificou as aulas. Desentendeuse da atención á diversidade e do alumnado de educación especial. Careceuse de postos escolares no ensino público, nomeadamente, no primeiro ciclo de educación infantil, na formación profesional e na universidade. Foi Eliminada a gratuidade dos libros de texto, etc.

Non é posíbel un sistema educativo de calidade e galego sen termos capacidade política plena para dotármonos dun sistema fiscal e unha facenda propia que garanta, como mínimo, dedicar 7%do PIB e organizar o sistema educativo propio en función dos nosos intereses. O actual sistema educativo emana do artigo 3 e 27 da Constitución española que asegura a españolización, a privatización e a confesionalidade do ensino. O Estado asegurou sempre os principios e as normas básicas, ampliándoas coa implantación da LOMCE. Resérvase a ordenación do sistema educativo en todos os seus niveis e etapas e a fixación da maioría dos currículos das distintas materias. Cuestións, por citar algunhas, como os requisitos para a concesión dos concertos educativos, a obriga de impartir relixión nos centros educativos, as reválidas, a avaliación do sistema educativo, a concesión de bolsas de estudo, a composición e competencias de órganos colexiados dos centros educativos, o sistema de elección de cargos directivos, os criterios de admisión de alumnos/as, o sistema de acceso á función pública docente, a alta inspección, a tipoloxía de centros integrados de Formación Profesional, a creación de centros de referencia nacional, etc, son competencias exclusivas do Estado.

O BNG considera prioritario:

—Procurar un sistema educativo que conciba a educación como un servizo público universal e gratuíto de 0 a 18 anos e obrigatorio dos 3 aos 18 anos, que se converta en factor fundamental para a transformación social, a galeguización e o desenvolvemento integral de Galiza.

—Elaborar unha Lei galega de Educación, en función das nosas necesidades e intereses, inserida na nosa realidade social, cultural, económica e lingüística e que asegure o dereito universal de todos e todas as galegas a unha educación pública e galega.

—Derrogar a LOMCE e outras normas en materia educativa que sustentan a desigualdade, a privatización, a mercantilización e a españolización do sistema educativo, impiden a galeguización do ensino e a igualdade de oportunidades.

—Exercer as competencias educativas plenas en Galiza para, entre outras cuestións, avaliar o sistema educativo, eliminar as reválidas; regular a concesión de bolsas de estudo, fixar os criterios de xestión e organización dos centros e de elección dos cargos directivos, o calendario escolar e os criterios de admisión do alumnado. Conseguir a transferencia dos centros de “referencia nacional” e da a formación profesional continua, o traspaso dos programas contra o fracaso escolar, a elaboración do catálogo de cualificacións profesionais e os diferentes programas que dependen do ministerio, etc.

—Ofertar prazas públicas suficientes en todos os niveis educativos e garantir que todos os centros conten coa dotación de recursos necesarios e co profesorado suficiente en todas as especialidades para asegurar unha calidade e a equidade educativa para todos e todas.

—Conseguir un ensino Laico no que a materia de relixión non forme parte do currículo escolar nin estea presente nos centros de ensino, xa que a difusión da fe relixiosa correspondese ao ámbito privado.

—Garantir unha mellor educación pública en todas as etapas escolares. Dotar o sistema educativo de maiores niveis de calidade, apostando polo crecemento dos orzamentos destinados á educación co obxecto de lle dedicar 7% do PIB.

—Iniciar a redución dos concertos educativos, eliminar os concertos educativos dos centros que segregan alumnado por razón de xénero, así como os concertos educativos no ensino non obrigatorio, co obxecto de promover paulatinamente a supresión en todos os niveis educativos.

—Restituír todos os dereitos laborais arrebatados ao profesorado, incluído a recuperación dos salarios e pagas extras, o horario lectivo, o dereito a percibir o 100% das retribucións desde o primeiro día de incapacidade temporal (IT) e os acordos eliminados unilateralmente. Elaborar, previa negociación coas organizacións sindicais, un estatuto galego da función pública docente que dea resposta ás demandas e melloras laborais e profesionais do profesorado.

Outras propostas:

—Dotar todos os centros públicos do profesorado necesario para facer real e efectivo o dereito universal e gratuíto a unha educación pública e de calidade.

—Reducir as ratios actuais de alumnado por aula en todos os niveis educativos. Co obxectivo dun máximo de 15 alumnos por aula en educación infantil, 20 na educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional e escolas oficiais de idiomas e de 25 alumnos/as por aula ano bacharelato. Estas ratios veranse reducidas naqueles grupos que escolaricen alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e o alumnado repetidor terase en conta para a conformación dos grupos.

—Restituír a gratuidade dos libros de texto a través dun programa de préstamo. Garantir a gratuidade dos libros de texto e do material escolar ao alumnado de educación infantil e o ensino obrigatorio.

—Garantir a igualdade de oportunidades e a equidade educativa para todo o alumnado de necesidades especificas de apoio educativo para o que cal é necesario facilitar os recursos suficiente, evitando así todo tipo de discriminación e procurando un modelo educativo máis social e igualitario.

—Garantir á atención á diversidade, -contemplándoa- en todas as etapas e niveis educativos, potenciando a titoría, o reforzo e o apoio educativo e estendendo os departamentos de orientación a todos os centros, Facilitarse os desdobramentos nas materias que sexa necesario e a redución das ratios por aula. Porase en marcha un plan de actuación preferente destinado a prever, combater e reducir o fracaso escolar e o abandono na escolarización temperá, cos recursos e profesorado suficientes.

—Asumir maior compromiso na escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais. Cómpre dotar todos os centros que escolaricen alumnado de educación especial dos docentes e persoal específico necesario e a redución da súa ratio para facer efectiva e real a integración escolar e a igualdade de oportunidades.

—Elaborar un plano integrado para a escolarización no rural, co obxecto de paralizar o seu total desmantelamento, garantindo os mesmos servizos complementarios e medios que os dos outros centros.

—Restabelecemento do modelo educativo das galescolas. Oferta suficiente de prazas públicas para o primeiro ciclo de Educación Infantil que satisfaga a demanda existente. Integrar toda a etapa de educación infantil (0 a 6 anos) no ámbito da consellaría competente en materia de educación.

—Promover unha nova planificación da formación profesional que suprima os concertos educativos co ensino privado. Ampliar, diversificar e asegurar unha oferta suficiente na rede pública para satisfacer a demanda existente e atender as necesidades do tecido industrial e dos sectores estratéxicos da nosa economía, contribuíndo así a fomentar e a desenvolver as nosas potencialidades económicas.

—Ampliar e estender a rede das escolas oficiais de idiomas, mediante a creación de novos centros e/ou da ampliación dos existentes, fomentando dun modo especial o estudo da lingua portuguesa.

—Promover unha reordenación do ensino artístico, integrando as diferentes especialidades a través dunha organización única e orientada cara á realidade galega. Integrar plenamente o ensino artístico superior no Sistema Universitario Galego.

—Arbitrar os mecanismos necesarios para que as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse e integrarse na universidade, a fin de que o alumnado obteña a titulación de grao. Implementar mecanismos eficaces para a incorporación do alumnado egresado nas redes de creación e difusión cultural do país, favorecendo a produción e consumo de cultura galega.

—Elaborar unha rede de educación permanente de persoas adultas que inclúa centros específicos nas áreas de maior poboación. Impulsar a posta en marcha de programas de formación da poboación galega para coñecermos a nosa historia, cultura, xeografía, sociedade e natureza.

—Promover o estudo da lingua portuguesa nos centros de ensino. A súa oferta será obrigatoria en todos os centros de ensino. —Elaborar un modelo de inmersión lingüística co obxecto de conseguir a plena normalización lingüística e un ensino totalmente en galego. Derrogar o Decreto 79/2010 para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galiza

—Galeguizar os currículos escolares, inseríndoos na nosa realidade nacional, con contidos propios, en que Galiza sexa materia de estudo en toda a súa dimensión histórica, cultural, social e económica, etc…

—Estabelecer plans de formación para o conxunto do profesorado co fin de alcanzar a plena normalización lingüística. Constarán, como mínimo, de formación específica en cada materia do currículo e deberán ser instrumento de capacitación do profesorado para dar aulas en galego e de dinamización do uso da lingua galega como lingua de docencia.

—Fixar que para o acceso á función pública docente, o profesorado deberá ter competencia en lingua galega e estará obrigado a realizar, como mínimo, unha das probas en lingua galega.

—Promover axudas para a creación e publicación de material didáctico en galego

—Convocar ofertas públicas amplas de emprego no ensino para dar resposta ás necesidades dos centros, mellorar a calidade do ensino, rematar coa impartición de afíns e a inestabilidade a precariedade laboral do profesorado do profesorado interino. Suprimir as taxas de reposición. A administración educativa ofertará, como mínimo, todas as vacantes producidas e creará as necesarias para unha atención educativa de calidade.

—Modificar a actual estrutura e modelo de formación do profesorado. Garantirase o dereito á formación continua de todo o profesorado. Elaboraranse plans anuais de formación descentralizada e gratuíta. Abranxerán todas as áreas do currículo. Procurarán a renovación e innovación educativa e unha mellor formación didáctica e pedagóxica e promoverán a normalización e galeguización do ensino

—Incorporar a figura do/a educador(a) social aos centros educativos e aos equipos de orientación.

—Dotar todos os centros de persoal administrativo e de coidadores/as, intérpretes de signos, xestión bibliotecaria e doutros perfís profesionais nos centros onde sexa necesario.

—Promover a modificación da lexislación do estado para garantir a xestión democrática dos centros, incluídos os centros Integrados de Formación Profesional mediante a elección democrática e directa das direccións polo Consello Escolar. Promoverase o traballo en equipo e a decisións colexiadas nos órganos de goberno. Impulsarase a participación dos pais e nais nos órganos constituídos para propiciar o interese pola marcha do sistema educativo.

—Estabelecer unha política de bolsas e axudas ao estudo en todos os niveis do ensino, nomeadamente, nas etapas postobrigatorias e na universidade para asegurar a continuidade nos estudos de calquera estudante, fixando como criterios determinantes a situación económica e o afastamento do lugar de residencia respecto da localidade de estudo.

—Facilitar os servizos complementares gratuítos (comedor e transporte escolar) no ensino público, asumindo, paulatinamente, a xestión pública e directa desde a administración galega.

—Elaboración dunha nova normativa sobre os comedores escolares. O alumnado escolarizado no ensino público de Galiza terá dereito a facer uso do servizo de comedor escolar. O servizo de comedor estará atendido por persoal específico non docente, dependente da administración e coa cualificación correspondente. O alumnado que teña que facer uso do transporte escolar para a súa escolarización terá acceso gratuíto ao comedor escolar. Fixaranse uns prezos módicos para o resto do alumnado, co obxectivo de conseguir o acceso gratuíto para todo o alumnado do ensino básico e infantil.

—Promover a elaboración dunha lei do transporte escolar de Galiza para garantir o dereito ao transporte escolar en todos os niveis educativos, nomeadamente nas zonas rurais que non contan con transporte público regular. A organización e a regulación dos itinerarios ou itinerarios multicentros non poden condicionar o horario e a xornada dos centros. A Consellaría de Educación dotará persoal para custodiar o alumnado nas esperas, desde a chegada do transporte escolar até o inicio das aulas e desde a finalización até a saída do transporte.

—Facilitar unha oferta ampla a todos os centros públicos de actividades extraescolares gratuítas que serán impartidas por persoal específico e cualificado. A administración garantirá o transporte público ao alumnado para asistir a estas actividades. Así mesmo facilitarase o programa madrugadores onde sexa demandado.

—Promover unha educación non sexista e coeducativa. Todo o material curricular estará fundamentado no principio de igualdade entre mulleres e homes. Actuar preventivamente en contra da educación machista e a violencia de xénero. Eliminar e rexeitar os comportamentos e contidos sexistas e estereotipos que supoñan discriminación entre mulleres e homes con especial consideración no que atinxe aos libros de texto e materiais educativos. Promoción da presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos de control e de goberno dos centros docentes. Estabelecemento de medidas educativas destinadas ao recoñecemento e ensinanza do papel das mulleres na Historia, no Pensamento, na Ciencia e, en xeral, na sociedade.

—Formación transversal do persoal educativo para o respecto á diversidade afectiva sexual; protocolos contra o acoso lgtbifóbico; inclusión da diversidade de sexualidade e de xénero nos programas docentes.

—Dotar todos os centros de servizo de orientación escolar para facer fronte á educación con todas as garantías necesarias do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Proponse reforzar a orientación a nivel de aula, centro e comarca, fixando unha rede de orientación en todos os centros; promovendo a coordinación dos servizos de orientación e ampliando e comarcalizando dos actuais equipos específicos, como mínimo ás sete cidades galegas .

—Pór en marcha o plano de convivencia escolar cos medios necesarios e axeitados para actuar preventivamente e unha vez detectados os problemas e a súa tipoloxía, emprender as medidas correctivas adecuadas. Isto implica facilitar a conciliación da vida laboral coa familiar durante a escolaridade obrigatoria, xa que moitas veces a problemática responde máis a problemas sociais que propiamente educativos. Promoverase o tratamento transversal da convivencia escolar e a implicación dos órganos de participación do centro, sendo imprescindíbel a dotación dos medios necesarios e a implicación de todos os sectores implicados.

—Potenciar as bibliotecas escolares co fin de mellorar a súa xestión, instalacións, materiais e dotación. Iniciar a dotación do docente bibliotecario nos centros co maior número de alumnado. Garantir no resto dos centros que o profesorado que participe ou asuma a responsabilidade deste servizo goce da suficiente redución horaria. As bibliotecas escolares contarán cun fondo documental adecuado e actualizado, instalacións e equipamentos apropiados. Así mesmo, permanentemente, dotaranse economicamente as bibliotecas escolares para a súa actualización. Dotaranse todos os centros de material didáctico audiovisual, informático, documental e bibliográfico, aplicado ás diferentes áreas.

—Todos os centros terán unha dotación suficiente tanto en equipos informáticos como en espazos. Os centros de certa complexidade contarán con persoal técnico e cualificado en TIC. Garantirase o apoio e mantemento das TIC no resto dos centros. Estabelecerase un plano de formación dirixido a todo o profesorado para a formación no uso das TICs.

—Promover un novo calendario escolar que non estea marcado polas festividade relixiosas, conformado con intervalos lectivos compensados e cos respectivos descansos non lectivos, evitando o desequilibrio en días lectivos dos actuais trimestres. Restabelecerase a xornada matinal reducida de catro horas durante os meses de xuño e setembro nos centros que imparten ensinanzas de infantil e/ou de primaria. Institucionalización no calendario escolar o día 24 de febreiro como día de Rosalía.

—Supresión do actual modelo de centros plurilingües porque van en detrimento do ensino en galego, comportan discriminación do alumnado e incrementan a desigualdade de oportunidades. A mellora do aprendizaxe dos idiomas estranxeiro ten que abranxer todo o alumnado, fundamentarse na redución do alumnado por aula (desdobramentos) e en ter os medios necesarios e o profesorado especialista suficiente.

Un sistema universitario público, galego e de calidade:

Após 25 anos de existencia dun sistema universitario galego formado por tres universidades públicas (UDC, USC e UVIGO), queda claro que só a cooperación, a colaboración e a coordinación entre as tres foron quen de o facer avanzar na función que debe cumprir para o progreso da nosa sociedade e de Galiza. Alén do máis evidenciouse que o localismo e a competitividade como criterios de actuación na política universitaria o único que fan é agravar os problemas estruturais que aquí padecemos. A formación de profesionais e investigadores que permitan o desenvolvemento económico, social e cultural da nosa terra igualmente deben estar no epicentro das políticas que son necesarias para acabarmos coa situación de dependencia en que estamos sometidos pola forza. A estafa da actual crise económica do capital, que ten servido para limitar a autonomía universitaria e segar boa parte daquelas principais intervencións que permitían o fluxo da mobilidade social ascendente, acentúan a nosa problemática e impiden a consecución dos fins e cometidos propios das universidades galegas, razón pola que a nosa aposta polo sistema universitario é un compromiso e unha obriga da súa defensa e da súa promoción como sistema necesariamente público, galego e de calidade.

Universidade pública:

—Financiamento con fondos públicos suficientes e adecuados para evitar a dependencia universitaria de fondos privados que condicionan e hipotecan os seus verdadeiros cometidos, razón pola que seguimos apostando por un plano de financiamento universitario que teña como referencia o 1,5% do PIB, algo que garante o dereito de acceso ao ensino universitario, recursos docentes e de investigación indispensábeis, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos necesarios.

—Impedir a suba de taxas e prezos públicos universitarios e iniciar a súa redución progresiva para rematar co seu custo actual, especialmente en todo o que ter a ver co prezo dos estudos de grao, mestrado e doutoramento.

—Política real e efectiva de bolsas ao estudo que permita e garanta o dereito á educación no ensino superior, modificando ademais os requisitos, incluídos os académicos, para a obtención de axudas ao estudos, de modo que non impidan ao estudantado con menor poder adquisitivo acceder á universidade.

—Promover e defender a reforma da normativa estatal sobre universidades (principalmente LOU, entre outras) que asegure o futuro do modelo de universidade pública, garanta a súa autonomía e elimine os enfoques privatizadores e centralistas.

—Promover e defender a derrogación das normas de racionalización do gasto público no ámbito educativo universitario, que encarecen as taxas universitarias, que reducen os cadros de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos e que incrementan os rateos.

Universidade galega:

—Transferencia a Galiza dos medios materiais e competencias da UNED, da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e das Institucións dependentes do Centro de Investigacións Científicas.

—Transferencia a Galiza da competencia de xestión e concesión de bolsas e axudas ao estudo, incluídas as de mobilidade, do Goberno español.

—Apoio e promoción de titulacións interuniversitarias de grao, mestrado e doutoramento, sinaladamente aquelas que sirvan para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza.

—Apoiar e promover liñas de investigación centradas nas necesidades específicas de Galiza e permitan o artellamento e posterior desenvolvemento económico, social e cultual de Galiza, aproveitando para tales efectos a riqueza e variedade dos campus das nosas tres universidades, que, como berce de innovación, poden desenvolver proxectos académicos e investigadores de referencia internacional.

—Creación e consolidación de grupos interuniversitarios de investigación galegos.

—Pular pola normalización do uso e a promoción da lingua galega en todos os ámbitos universitarios, coa inclusión de medidas que garantan o seu coñecemento no acceso aos postos docentes e para impartir as aulas en galego. —Incentivar e apoiar o estabelecemento de vínculos académicos e de investigación internacionais coas universidades do ámbito lusófono.

Universidade de calidade e innovadora:

—Derrogación da normativa pola que se modifican os plans de estudos do ensino universitario, que pasa a ser de 3 anos no grao e de 2 anos no mestrado, por degradar as titulacións e as cualificacións universitarias, promover as universidades privadas e expulsar as clases máis humildes da universidade.

—Fomentar a dinamización e o crecemento do persoal dedicado á investigación, rematando coa temporalidade dos contratos nos proxectos de investigación no marco do fomento da investigación, favorecendo a libre difusión do coñecemento no canto da súa mercantilización, apoiando programas de doutoramento de calidade en todos os eidos de coñecemento e recuperando as convocatorias para o inicio e consolidación da carreira investigadora.

—Apoio e promoción de programas de doutoramento industriais.

—Revisión do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, xa desbotado nalgunhas universidades europeas polos seus efectos negativos sobre a educación superior e os fins esencias da Universidade.

—Incrementar o número de prazas nas titulacións universitarias, adecuando a oferta á súa demanda real para evitarmos a existencia de titulacións elitistas e excluíntes que provocan a emigración académica do estudantado, con todos os custos económicos que isto supón, cando non impiden o acceso ao ensino superior como dereito básico.

—Modificación do actual calendario académico e superación das probas de acceso á universidade polas trabas que estas implican para o exercicio do dereito ao ensino superior.

—Modificación da normativa galega relativa aos consellos sociais, especialmente no que ten a ver coa súa composición, que non é representativa da sociedade en que se insire o noso sistema universitario galego, alén de demandar a reforma da lexislación española sobre tales órganos e as súas funcións.

—Apoio e promoción de planos específicos de consolidación dos cadros de persoal docente e investigación e do persoal de administración e servizos das tres universidades.

—Apoio con medios materiais e humanos ás tres universidades galegas para a captación de recursos económicos públicos en convocatorias de institucións públicas estatais e internacionais, promovendo ademais a presenza en Bruxelas de representación que dea apoio ás nosas universidades.

—Garantir a existencia de infraestrutura e de equipamentos mínimos necesarios para que o sistema universitario galego funcione con normalidade, especialmente naqueles campus que máis o necesitan.

—Garantir a comunicación e o acceso a todos os campus galegos, apostando pola mobilidade en todos os medios de transporte e en clave de rendibilidade social, con especial atención ao papel que pode xogar o tren de proximidade.

—Programa específicos de bolsas de mobilidade para garantir a formación e a actualización de coñecementos do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e do estudantado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *