31 de marzo: día da visibilidade Trans

Hoxe conmemórase o Día internacional pola Visibilidade Trans, e desde Galiza Nova sumámonos a esta xornada de loita e reivindicación.  Son moitas as dificultades e violencias ás que nos enfrontamos a mocidade trans na nosa vida diaria. Vivimos nunha sociedade aínda chea de prexuizos e moralismos que perpetúa a cisnorma e o binarismo de xénero.
Precisamos dunha Administración pública verdadeiramente concienciada que loite contra a transfobia estrutural e erradique de xeito efectivo dunha vez todas as condutas transfóbicas que aínda persisten. Demandamos unha educación de calidade que lle axude ás nosas crianzas a medrar libres desta imposición, e que lles proporcione ferramentas para coñecérense a si mesmas. Do mesmo xeito, precisamos que esta educación se faga extensiva a todas as traballadoras do sector público, nomeadamente as do eido sanitario e do ensino, por teren acceso ás persoas no seu momento máis vulnerable.
Precisamos leis que protexan os dereitos das persoas trans para que a transfobia deixe de ficar impune. Continuaremos loitando contra este goberno do Partido Popular que, facendo uso das súas maiorías parlamentares, impón súa moral fascista tumbando no Parlamento a proposta de lei galega de identidade de xénero impulsada polo tecido asociativo LGBT. Dende Galiza Nova e o BNG continuamos a demandar como imprescindíbel unha lexislación que garanta os dereitos das persoas LGBT e poña fin a todos os atrancos aos que nos enfrontamos para vivir a nosa identidade de xénero libremente e con dignidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *