3+2 = universidade para as elites

O goberno español vén de aprobar no día de hoxe o chamado Decreto 3+2, polo que se permitirá que as universidade poidan reducir un ano a duración dos graos e engadir outro ano aos mestrados, cuxos prezos de matrícula son moito máis caros, oscilando os 2 anos entre os 5.000 e os 14.000 euros.

Desta maneira, o PP teima en pechar as portas do ensino ás capas amplas da mocidade galega e ás fillas e fillos das clases traballadoras, pois só poderán costearse os mestrados aquelas persoas pertencentes a unha elite social. Eis o modelo educativo do PP, educación para as altas esferas, para crear unha casta dirixente sobre un pobo sen estudos.

26F FOLGA ESTUDANTIL! ergámonos polo ensino público galego!

Mais non llo imos permitir! Galiza ten protagonizado nos últimos anos as maiores mobilizacións estudantís en defensa do ensino público galego, e este 26 de febreiro ímonos mobilizar novamente para loitar por aquilo que pertence á mocidade e que lle queren arrebatar para sempre: o dereito universal a un ensino galego, público, laico e de calidade.

O BNG esixe a comparecencia de Wert no Congreso ante o elevado número de denegación de bolsas na Galiza.

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia do Ministro de Educación español para que acuda á Cámara a dar explicacións polo elevado número de denegacións de bolsas universitarias que se produciron en Galiza.

A deputada do BNG esixiu que se aborde a cuestión da “raquítica política de bolsas do Goberno no Congreso, que non só denega bolsas a mansalva senón que reduce as contías nun contexto no que as rendas e os ingresos das familias caeron tremendamente”. Para Rosana Pérez a política deste Goberno en materia de bolsas “é nefasta pero sobre todo perigosa porque está poñendo cada vez máis obstáculos para que estudantes de familias con poucos recursos económicos poidan estudar en igualdade de condicións”.