4. SOBERANÍA, PARTICIPACIÓN ACTIVA DA MOCIDADE E PODER DE DECISIÓN

plantilha 2No BNG apostamos por rachar con dinámicas escuras para facer gobernos transparentes e participativos ao servizo do pobo galego, onde a mocidade teña poder de decisión real. No BNG defendemos que a mocidade decida por si mesma, sen paternalismos nin tutelas. Implicaremos a mocidade no deseño das políticas que a afecten, impulsando a súa participación activa na política e favorecendo a autoorganización xuvenil e contando co asociacionismo existente.

A dirección xeral de xuventude dotarase dun plan integral da mocidade que, desde unha óptica transversal e mediante o diálogo co asociacionismo xuvenil, estabeleza diagnoses e medidas de actuación dirixidas á mocidade.

Fomentarase a creación dunha rede de Consellos Municipais de Mocidade, con carácter autónomo e dos que participará o tecido asociativo do concello, cuxo fin será estudar, propoñer, deseñar e avaliar as políticas que a nivel nacional e local afecten á mocidade.

SOBERANÍA É DEMOCRACIA

Con todo, conscientes de que a soberanía plena virá da man dunha maioría social galega favorábel, o BNG entende que, no actual contexto político e no período que se abre con estas eleccións, é preciso avanzar con propostas que vaian na dirección de estabelecer un novo status político para a Galiza. Por iso afirmamos que nin serve o Estatuto actual nin tampouco ningunha solución que pretenda ‘revisalo’. Cómpre superalo definitivamente, decidindo por nós propios o marco político que queremos, desde unha alternativa democrática, que implique o inicio dun novo tempo político protagonizado polo pobo galego, a superación do réxime constitucional instaurado en 1978 e o estabelecemento dun Marco Galego de Libre Decisión.

PRINCIPIOS PARA UN MARCO GALEGO DE LIBRE DECISIÓN

Calquera mudanza no status institucional de Galiza ten que estar guiada polo obxectivo de asegurar a capacidade de decisión política da nosa nación, partindo dos seguintes principios:

—Podermos decidir na base produtiva e económica de Galiza para desenvolver unha promoción económica e do emprego adecuadas ás nosas potencialidades e capacidades.

—Exercer en exclusiva a planificación, dirección e xestión dos servizos públicos ligados ao benestar, para dar adecuada cobertura ás nosas especificidades.

—Impulsarmos sen interferencias, en todos os ámbitos, os elementos que nos conforman como pobo e nos identifican como nación (lingua, cultura, patrimonio, etc…).

—Deseñarmos e articularmos a ordenación territorial e a estrutura administrativa, institucional e da xustiza en Galiza.

—Garantirmos a capacidade de decisión de Galiza nas institucións estatais, europeas e internacionais nos asuntos que nos afectan.

—Contarmos cun modelo de financiamento propio en que a Galiza teña a plena capacidade para implantar unha política fiscal, desde a regulación até a recadación e xestión integrada a través dunha Facenda Galega, coa que facer uso pleno dos nosos recursos económicos para financiar os servizos públicos básicos e con iso podermos aplicar políticas propias de redistribución social.

—Capacidade de xestionar directamente a Seguranza Social e as pensións.

—Podermos exercer libremente relacións internacionais propias, entre outras cousas para negociar directamente acordos económicos con terceiros países ou para podermos aproveitar o inmenso potencial neste ámbito do mundo lusófono. As limitacións no marco actual obríganos a formular, desde unha perspectiva galega, unha proposta de mudanza do marco institucional co obxectivo de contarmos con plena capacidade de decisións.

PROPOSTAS PARA A CONFIGURACIÓN DO NOVO STATUS POLÍTICO DE GALIZA

O BNG defende unha Galiza capaz de gobernarse a si propia. Soberanía é igual a máis capacidade para resolvermos nós os nosos problemas. Máis autogoberno é igual a máis democracia e máis benestar. Os galegos e as galegas temos dereito a institucións democráticas propias, capaces de gobernaren o país sen necesidade de pedir permiso. Xa sufrimos durante tempo de máis as incoherencias do modelo actual, as discriminacións para Galiza que del resultan, e non podemos seguir agardando para avanzarmos no camiño da plena soberanía. O exercicio da soberanía exixe outro marco constitucional que recoñeza a capacidade de Galiza para decidir amplamente desde as institucións do país nas cuestións que nos competen. O BNG é chave para que haxa un Goberno galego que defenda as mudanzas que vaian no camiño do recoñecemento da Galiza como nación con plenos dereitos, comezando polas seguintes medidas:

—O recoñecemento do dereito de autodeterminación de Galiza, consonte á súa condición de nación, que leve aparellado o exercicio libre e soberano do poder para atinxir os seus obxectivos de desenvolvemento económico sustentábel, benestar social e florecemento cultural nun modelo de articulación adecuado dos seus dereitos e intereses, con criterios democráticos de liberdade, paridade e reciprocidade.

—A nación galega asume a condición de suxeito político decisorio coa fórmula que corresponder.

—Unha nova actitude fronte á cuestión lingüística, que se plasme na asunción do dereito a usarmos a nosa lingua en todo momento e en todo lugar, tamén en todas as institucións.

—A asunción de todas as competencias esenciais para garantir que a capacidade de decisión é real e efectiva.

—A fonda revisión de institucións centrais que inflúen na Galiza, de xeito que poidamos ter capacidade de incidencia directa desde Galiza na súa designación e mesmo capacidade de veto nos casos en que unha decisión afecte de forma relevante os intereses de Galiza.

—A completa reformulación do Tribunal Constitucional, que deixaría de exercer funcións sobre a Galiza, trasladando os conflitos de competencias a solucións arbitrais a través de órganos políticos bilaterais.

—A presenza directa de Galiza nas institucións europeas e internacionais.

—A eliminación das provincias e da súa referencia como circunscrición electoral, así como a desaparición das Deputacións provinciais. Estruturación do territorio galego a partir dos concellos e as comarcas.

—A asunción plena e exclusiva das competencias en seguranza pública e viaria.

—A adecuación da administración de xustiza, contemplando un poder xudicial propio para Galiza que será a última instancia xudicial no noso País.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *