Hoxe o Estatuto de Autonomía de Galiza cumpre 40 anos, hoxe “celebramos” que as Cortes Xerais do estado permitiran a nosa autonomía, unha descentralización administrativa que nunca foi política.
O Estatuto de Autonomía de 1981, enmarcado dentro do Réxime do 78, é un marco totalmente obsoleto e incapaz de dar resposta aos grandes problemas que atravesa o noso país. Nestes 40 anos non serviu para impedir a privatización das caixas e o espolio dos nosos aforros, tampouco para evitar a agonía do noso sector naval ou a discriminación do noso sector enerxético, nin para deter as graves reestruturacións levadas a cabo nos sectores agrario ou pesqueiro, nin a destrución do noso sector industrial e tampouco poderá facer fronte a crise demográfica, a emigración da mocidade ou a precariedade que padecemos na actualidade.
Pasaron 40 anos e a nosa posición como nacionalistas galegas non mudou; continuamos a estar radicalmente en contra dun estatuto que viu a perpetuar as relacións de submisión e dependencia existentes e que nos incapacitou como pobo a promover un proceso de desenvolvemento económico, social, cultural e lingüístico autocentrado.
Dende Galiza Nova demandamos capacidade real de decisión para poder adoptar outras políticas distintas as neoliberais que se nos aplican dende o poder central e ao ditado do gran poder financeiro transnacional. Fronte a unha autonomía outorgada debemos exercer a nosa soberanía como pobo: independencia para mudalo todo!