49 Anos da Revolución dos Cravos

Cúmprese case medio século dende aquel 25 de abril no que milleiros de persoas tomaban as rúas de Lisboa nunha revolución que converteu a capital portuguesa nunha referencia mundial para todos os movementos antifascistas e de transformación social.
Baixo o lema “Avril de novo, com a força do nosso povo” tivo lugar unha revolución que ninguén esperaba, que encheu os telexornais do mundo enteiro e que foi un sopro de esperanza para as organizacións pola liberación nacional e social da Galiza.
Aquela Constitución que naquel momento conseguía o povo portugués segue sendo aínda a día de hoxe unha das máis avanzadas, pois consagra un conxunto de dereitos sociais, económicos, políticos e culturais que se contrapón directamente coa constitución española á que tanto se aferra a dereita no Estado.
As conquistas da Revolución dos Cravos non terían sido posíbeis sen a organización, o esforzo e o sacrificio de moitos homes e mulleres que no seu momento non se resignaron e decidiron romper cun réxime fascista de máis de 40 anos e, case 50 anos despois, a Revolución dos Cravos continúa a ser todo un referente para o movemento pola liberación nacional no noso país.
Saudamos as conmemoracións da data do 25 de abril e de todo o traballo que fixo de Portugal un estado democrático cunha das constitucións máis avanzadas do mundo, acompañamos o camiño da construción dun mundo de pobos libres e mellores condicións para as clases populares, e tomamos o exemplo para máis cedo que tarde acadar a plena liberdade do noso pobo.