5 de marzo: mobilización feminista

Galiza Nova chamamos a toda a mocidade galega a participar da convocatoria de manifestación realizada polo movemento feminista galego polo Día Internacional das Mulleres, que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro domingo 5 de marzo.  A manifestación partirá da rúa do Hórreo (fronte á estación de tren), ás 12:00 da mañá para rematar na Praza da Quintana, onde se procederá á lectura do manifesto a cargo de Nélida Pisco, vítima de discriminación laboral en Autobuses de Calo (Compostela),Ángeles Fuertes, afectada polo conflito laboral de Linorsa (Ourense) e Pura Seoane, do Sindicato Labrego Galego (Pontevedra). O acto será conducido pola actriz coruñesa Isabel Risco.

A convocatoria deste ano é, indican as responsábeis, “froito do traballo en común dun amplo abano de persoas e colectivos de mulleres con visións e traxectorias diversas no feminismo, nunha aposta pola confluencia para acadar unha celebración do 8 de marzo ampla e unitaria”. Dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova apoiamos esta convocatoria así coma as mobilizacións convocadas para o propio 8 de marzo en distintas localidades do país.

‘Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita’ é o lema elixido para a mobilización, que ten como eixo a loita contra as violencias machistas e o empoderamento das mulleres.