Neste ano 2024, Galiza segue afrontando outra gran ameaza contra o seu territorio e o seu medio ambiente, a través do macroproxecto da pasteira Altri que, co beneplácito da Xunta do Partido Popular, intenta instaurar unha fábrica letal no corazón do país, que deixará a miles de galegas e galegos nunha situación crónica en tódolos ámbitos da súa vida, así como un territorio desolado e falto da súa vida (durante décadas, ou incluso séculos) a través da eucaliptización e contaminación da nosa terra.
Pero esta situación, só é a parte máis visible do gran iceberg que representa a problemática medioambiental que sufre Galiza, e á que se lle suman outros temas, de recente actualidade, como son: o vertido de microplásticos que chegou ás costas galegas, a continuidade dunha planificación eólica que non ten en conta o impacto medioambiental, ou a vaga de incendios que asola o noso territorio ano tras ano.
Dende Galiza Nova, temos claro que a culpabilidade de que esta situación se agrave cada día máis, reside nos dirixentes do PP, que mediante a deixadez das súas funcións no relativo á planificación forestal e coidado medioambiental, ou ca creación de novas regulacións máis laxas ca explotación do noso territorio; favorecen a implantación de empresas e grandes lobbies económicos, que o único que buscan é saciar os seus intereses a costa do espolio e destrución do noso territorio, deixando aquí pobreza e falta de oportunidades para a poboación galega, mentres eles se fan millonarios cos recursos que son nosos.
Por todo isto, neste 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, animamos a toda a poboación galega, en especial á mocidade, a seguir loitando contra tódalas inxustizas que pretenden acabar co noso futuro. Loita que se leva demostrado recentemente ca presentación de alegacións contra moitos dos proxectos eólicos que se querían implantar, e onde se conseguiu mediante a presión do pobo a paralización de moitos deles, así como, tamén, ca participación masiva na limpeza das nosas costas, e na presentación de alegacións contra o proxecto de Altri, e posterior manifestación en Palas de Rei, que superou as expectativas dos organizadores.
Galiza Nova sempre loitará polo equilibrio entre o necesario desenvolvemento social e económico, e a protección do noso territorio; polo que debemos defender, tódolos días, os nosos ecosistemas e recursos naturais para beneficio propio e de xeracións futuras, invitando a todas a participar en todos aqueles movementos que loiten pola conservación e proteción da nosa natureza, así como nas distintas manifestacións que se convoquen en busca deses obxectivos.
É posible, pero só se cremos firmemente na nosa capacidade para facelo!