Nesta situación na que as frontes de loita se multiplican, por mor da pandemia provocada pola COVID-19, non debemos deixar de lado o noso traballo como organización xuvenil comprometida coa defensa da terra. Por iso, de cara a este 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, Galiza Nova quere denunciar a ausencia de políticas efectivas para a protección dos nosos ecosistemas e a posta a disposición dos nosos recursos naturais ao servizo de intereses particulares que non repercuten na economía das clases populares galegas en ningún sentido.
Durante estes meses de corentena, onde case toda actividade non esencial foi paralizada, puido apreciarse de primeira man como o actual sistema produtivo e a sociedade consumista na que vivimos, inflúen no medio ambiente. Na Galiza, xa só pola redución dos desprazamentos en coche, a caída da contaminación do aire urbano foi do 76%. Esta é unha proba da necesidade que temos no país dunha política de trasporte público digno, pulando por un maior uso de sistemas de mobilidade alternativos ao coche. Nas cidades, débese apostar por un trasporte metropolitano de calidade e ao alcance de toda a poboación; alén de apostar polo emprego da bicicleta como vehículo particular alí onde for posible.
Mais as nosas denuncias non poden ficar só neste asunto. Durante o estado de alarma, puidemos ver como a Xunta de Galiza do PP de Feixoo, aproveitaba a situación de confinamento, e a capacidade limitada de acción por parte das organizacións ecoloxistas do país, para reactivar preto de 1000 proxectos de grande impacto ambiental. De xeito ilexítimo e claramente ao servizo dos lobbies, dase vía libre a vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro etc.
Pero neste Día Mundial do Medio Ambiente non podemos esquecernos, de parabenizar a loita da cidadanía contra a Mina de Touro, onde se conseguiu mediante a protesta e a presión do pobo, a paralización da reapertura de dita mina. Tamén, como cada ano, acompañaremos a loita das compañeiras en Pontevedra, na defensa da súa ría e por un futuro sen ENCE na súa ribeira.
Galiza Nova sempre loitará polo equilibrio entre o necesario desenvolvemento social e económico e a protección do noso territorio. Debemos defender os nosos ecosistemas e os recursos naturais que temos, para beneficio de xeracións futuras, á vez que recuperamos os postos de traballo perdidos no país nos últimos anos. É posible, pero só se acreditamos na nosa capacidade para facelo!
Loita polo medio, loita polo futuro!