Medidas económicas para liberar a mocidade galega

46.- Crearase unha Banca Pública Galega, que garanta que o noso aforro non permita a especulación da gran burguesía e que revirta en beneficios para o pobo galego.

47.- Os sectores produtivos estratéxicos, coma o da enerxía, estarán nacionalizados para poñelos ao servizo do pobo galego e non nas mans do gran capital.

48.- Aplicaranse impostos ás grandes fortunas que permitan aumentar o investimento en políticas sociais.

49.- O turismo estará regulado de xeito que se promova o coñecemento do noso patrimonio e se protexa de intereses mercantilistas e de grandes masificacións.

50.- Fomentarase o emprego digno no rural para a mocidade, como xeito de combater a despoboación e de xerar riqueza.

Dende Galiza Nova temos claro que a cuestión nacional e a cuestión social na Galiza son dúas caras da mesma moeda, e somos plenamente conscientes tamén da necesidade de acadar a soberanía da Galiza para poder por ao servizo da mocidade galega todas as potencialidades a nivel económico da nosa nación.

Para ser verdadeiramente soberanas non é suficiente con termos cun estado independente, senón que temos que contar con outro modelo económico diferente ao capitalismo neoliberal globalizador, pois nel os verdadeiros depositarios da soberanía non son os estados, senón as grandes estruturas supraestatais (Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, G8, Unión Europea, etc. ) e que serven directamente ao gran capital, á grande burguesía internacional que só busca enriquecerse máis e máis a costa da clase traballadora de todo o mundo.

Porén, tamén sabemos que na situación actual son posíbeis tamén moitas accións para mellorar a nosa calidade de vida. Fundamentalmente para xerar postos traballo na nosa terra e rematar co espolio que sufrimos debido á nosa dependencia colonial do estado español, que se aproveita dos nosos recursos naturais (enerxía, materias primas, sectores gandeiro e pesqueiro) sen deixar isto practicamente ningún beneficio para o noso pobo.

Temos un país cunhas enormes capacidades a nivel produtivo que non están a ser explotadas dun xeito debido polas políticas nocivas aplicadas polo Estado Español historicamente e pola Unión Europea nos últimos anos. Este é o caso dos sectores leiteiro e pesqueiro, nos cales se poderían xerar unha grande cantidade de postos de traballo dignos de apostarse por eles. Mais non debemos vivir só do sector primario, pois é vital que pechemos o ciclo de produción dos produtos dese sector na Galiza para non seguir a perder grande parte do valor do produto ao momento da exportación e ao mesmo tempo para industrializar o noso país.

É moi importante que o noso país conte cunha industria máis importante ca a que temos no momento actual, que se reduce a un case desmantelado por completo sector naval e a cuestións puntuais como pode ser a Citroën en Vigo para realmente xerar riqueza. Neste sentido xoga un papel fundamental a enerxía, Galiza é a principal produtora de enerxía eléctrica da Península Ibérica, cun grande impacto ambiental e económico que o noso pobo non ve recompensado de ningunha maneira, por iso nós apostamos pola nacionalización deste sector nunha futura República Galega para polo ao servizo da industrialización do país dun xeito responsábel ao mesmo tempo que se lle dá un mellor servizo ca o actual ao noso pobo.

Ademais, para rematar coa estafa bancaria cremos necesaria a creación dunha Banca Pública Galega que non se dedique á especulación senón en preservar o aforro do noso pobo e facilitando a concesión de crédito para que as mozas que así o desexen poidan iniciar proxectos emprendedores nuns termos dignos, non coma na actualidade.

Para obter financiación para realizar políticas sociais temos claro que hai que rematar coa vergoña de ter no noso país a un dos homes máis ricos do mundo como é Amancio Ortega e que a nivel fiscal quen estea a pagar case na súa totalidade os servizos públicos sexa a clase traballadora, con grandes dificultades, a través de impostos directos e sobre todo indirectos. Dende Galiza Nova temos claro que hai que rematar con esta vergoña, e nunha República Galega, teríamos unha Axencia Tributaria propia cunha fiscalidade diferente, na que quen teña máis sexa quen máis pague para poder manter uns servizos públicos de calidade e dar un bo servizo ao noso pobo.

Loitamos por un sistema económico que sirva a mocidade galega e que remate con toda explotación do ser humano

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *