tumbemos a reforma do aborto

O PP pretende arrebatar a capacidade de decisión sobre os seus corpos ás mozas de 16 e 17 anos, pois hai moitas mozas que non poden conseguir o consentimento para poder abortar, e moito menos estar acompañadas dalgún dos seus proxenitores, ou simplemente non desexan comunicarllo, pois entenden que só elas poden decidir sobre o seu corpo.

 

As mozas nacionalistas declarámonos insubmisas e en rebeldía fronte as políticas machistas do Partido Popular, que non recúa na súa ofensiva contra o dereito das mulleres de 16 e 17 anos a decidirmos sobre o noso propio corpo. Continúan a impoñernos a maternidade e a pretender decidir por nós en temas persoais como o dereito ao aborto. A decisión do goberno español supón unha involución gravísima que trae de novo á lexislación unha ideoloxía descaradamente fascista e que responde con clareza aos intereses de organizacións ultra-conservadoras.

A interrupción libre do embarazo é un dereito de todas as mulleres. A súa repenalización ten demostrado ser absolutamente inútil para reducir o número de abortos que se levan a cabo, mais que obrigará ás mulleres de 16 e 17 anos que desexen abortar a procurar métodos alternativos á sanidade, sumíndoas na clandestinidade e no escurantismo, nunha desprotección médico-sanitaria que chegará a pór en risco a vida das mulleres con menos recursos económicos.

As mozas da Galiza, perante o ataque frontal ao dereito ao aborto libre e gratuíto das mulleres de 16 e 17 anos, esiximos a non entrada en vigor da Lei que restrinxirá os dereitos das mulleres. Os poderes públicos deben garantir a soberanía das mulleres sobre os seus propios corpos. O dereito ao aborto non pode ser cuestionado: o dereito a decidir sobre nós mesmas, sobre a nosa vida. A mocidade galega non vai aceptar as políticas patriarcais e reaccionarias que o goberno pretende implantar e esiximos a súa inmediata derogación. Queremos dereito ao aborto, libre e gratuíto e na seguridade social.

Insubmisas e rebeldes! En nós non manda ninguén!