A sanidade pública da Galiza está en estado de auténtica emerxencia. Todos os camiños da política sanitaria do PP tiveron como fin a privatización e o desmantelamento da sanidade
pública galega, a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo
de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas.
Durante os últimos sete anos, o PP, con Nuñez Feijoo á cabeza, impulsou todo tipo de medidas
que afondaron no desmantelamento da sanidade pública: redución de orzamentos, eliminación
de arredor de 3.000 profesionais, redución de case 600 camas, privatización masiva de servizos,
repagamento de medicamentos, os copagamentos sanitarios foron incrementados en 260%, o
que implica na realidade estabelecer un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos
recursos. Os colectivos máis vulnerábeis están a sufrir máis cruelmente as consecuencias dos
copagamentos e da exclusión de fármacos do catálogo de prestacións farmacéuticas.
Os recortes teñen unha gravísima repercusión na prestación dos servizos sanitarios, no deterioro
asistencial: fechamento de camas, colapsos de urxencias, sobrecarga laboral d@s traballador@s,
aumento das listas de espera, non dispensación de tratamentos a persoas con doenzas graves
como as de hepatite c ou oncolóxicas.
A Xunta entregou xa a empresas privadas -na súa maioría multinacionais, algunha vinculada con
fondos financeiros- empresas de fóra da Galiza, unha considerábel parte dos servizos estratéxicos
do Sergas: electromedicina, a plataforma loxística, cociñas e lavandarías, mantemento, a xestión
de RX, esterilización, alta tecnoloxía, laboratorios… Tamén a construción de infraestruturas: o
hospital de Vigo, as ampliacións dos complexos hospitalarios de Ourense e do Salnés, os centros
de saúde…
Estiveron realizando o desmantelamento e a descapitalización constante da sanidade pública
galega e entregándolla a multinacionais e fondos de investimento. Privatizan e por enriba para
beneficio de empresas de fóra da Galiza. Nunca un goberno desfixo tanto en tan pouco tempo,
fixo tanto dano á sanidade pública e ás usuarias e usuarios.
É necesario e reverter as políticas de recortes e privatizacións e unha actuación urxente de
recuperación da Sanidade Pública Galega. Para o BNG é prioritario restabelecer un modelo de
sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta. Unha sanidade financiada a través dun sistema
impositivo xusto, en pague máis quen máis diñeiro tiver e non quen máis sanidade necesitar.
Unha sanidade planificada en función das necesidades da cidadanía e non das empresas
contratistas da saúde privada, que conte cun financiamento suficiente, e coa participación tanto
da cidadanía coma d@s profesionais.
Neste sentido, o BNG defende as seguintes medidas:
—Incremento dos orzamentos da Sanidade Pública Galega para que poida dar resposta ás
necesidades reais do sistema sanitario público da Galiza.
—Reforzar o Servizo Galego de Saúde como instrumento de superación de desigualdade e motor
económico galego, ligado ao coñecemento e á tecnoloxía, creador de emprego de calidade e
promotor de industria produtiva radicada no país.
—Utilización intensiva de todos os recursos da rede sanitaria pública para mellorar o seu
funcionamento e asegurar unha atención sanitaria de calidade. Apertura dos servizos
hospitalarios polas tardes (quirófanos, consultas, servizos de radioloxía, etc.). Acabar coas política
de derivacións intensiva de pacientes a centros concertados.
—Realización dunha auditoria de todas as privatizacións realizadas.
—Reverter todas as privatizacións e externalizacións de servizos realizados polo Goberno
galego (mantemento dos equipos sanitarios, equipamento tecnolóxico, esterilización, laboratorio
central…)
—Recuperación para a xestión integramente públicas das infraestruturas construídas polo
chamado sistema “público-privado”. Optar expresamente pola xestión pública directa das
institucións sanitarias do Sistema de Saúde da Galiza.
—Lanzamento dun Plan estratéxico para o conxunto da Área Sanitaria de Vigo, co obxectivo de
dotar a área das infraestruturas sanitarias precisas que permitan atender toda a cidadanía, en
todas as especialidades e con todos os servizos, nun hospital público e de calidade. Recuperación
para a xestión integramente pública do Hospital Álvaro Cunqueiro e realización dunha
avaliación real de todas as deficiencias existentes para as corrixir con cargo ao canon que se paga
á actual empresa concesionaria. Plan de usos sanitarios para as infraestruturas do Hospital Xeral-
Cíes e as outras infraestruturas que ficaron baleiras. Utilización de 100% do hospital Meixoeiro,
co aumento da complexidade das intervencións cirúrxicas e con dotación de unidade de críticos
24 horas.
—Construción do Hospital público e único de Pontevedra mediante a ampliación de Montecelo,
con financiamento e xestión totalmente públicos. Tras a construción, mantemento do uso
sanitario do Hospital Provincial.
—Prestación da especialidade de hemodinámica 24 horas en Lugo, medicina nuclear e plan de
usos sanitarios para as instalacións do Xeral-Calde.
—Prestación da especialidade de hemodinámica 24 horas en Ourense.
—Promover un modelo de xestión integrada que respecte as competencias e a autonomía das
áreas sanitarias comarcais.
—Posta en valor dos Hospitais Comarcais, reformulando as Áreas de Xestión para descentralizar
as tomas de decisión e respectar as competencias e a autonomía das áreas sanitarias comarcais.
Dotar aos centros comarcais do persoal, material e tecnoloxía necesarios para unha atención
adecuada ás persoas do seu ámbito de actuación.
—Plan de Mellora de Atención Primaria. Como porta de entrada ao sistema sanitario, é un
elemento chave para o sistema sanitario público galego. Serán dotados recursos económicos,
técnicos e humanos que sexan precisos para prestar un bo servizo e unha boa calidade
asistencial.
—Asunción inmediata do mantemento dos centros de saúde. Redución das listas de espera a través da mellora e optimización dos recursos estruturais e
tecnolóxicos para adaptalos ás necesidades reais. Incremento do número de profesionais para
introducir melloras organizativas que permitan desenvolver actividade ordinaria nos hospitais
en quendas de mañás e tardes. Incrementar a capacidade diagnóstica e de acceso á tecnoloxía de
Atención Primaria.
—Ter operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas (camas, quirófanos…) e non realizar
ningunha derivación de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis,
susceptíbeis de seren usados nos centros públicos.
—Xestionar as listaxes de espera de tal modo que o prioritario sexa a transparencia. Isto implica
as seguintes cuestións:
a) Información completa da espera sanitaria, das listaxes estruturais e non-estruturais,
estabelecendo un sistema homologado de información para a espera por prioridades que
permita o seguimento e control.
b) Xestión eficaz da agarda en función de criterios clínicos, utilizando parámetros
publicados e controlábeis, considerando conxuntamente prioridades e tempos máximos,
onde a autoconcertación sexa a norma.
—Nova lei de Garantías de Prestación Sanitaria, derrogando a actual, que só ten como obxectivo
legalizar a derivación masiva de doentes á sanidade privada.
—Plan de Ordenación de RRHH que harmonice as necesidades d@s profesionais co sistema
sanitario.
a) Elaboración e publicación do Cadro de Persoal do Sergas, coa identificación das prazas
existentes, así como aqueles postos de traballo cubertos con contratos sen estabilidade.
b) Recuperar os 3.000 postos de traballo eliminados desde o ano 2010 pola aplicación das
taxas de reposición.
c) Eliminación da precariedade na contratación.
d) Devolución dos dereitos eliminados ao persoal: acordos paralizados (acordo retributivo
2008-2012, carreira profesional, complemento salarial en IT…), permisos e licenzas.
e) Estabilidade do Persoal Investigador como persoal estatutario.
—Garantir unha atención sanitaria real e sen trabas a todas as persoas independentemente da
súa condición laboral e de residencia, que acabe coas exclusións sanitarias. Exixir do Goberno
español a derrogación do Real Decreto Lei 16/2012.
—Asunción polo SERGAS da atención primaria intra-penitenciaria en conformidade co
estabelecido na disposición adicional 6ª da Lei de Cohesión do Sistema Nacional de Saúde
16/2003 de 28 de maio.
—Rexeitamento dos copagamentos, estabelecendo mecanismos para que ninguén, por motivos
económicos, quede sen recibir os produtos farmacéuticos que precisar.- – Creación do Instituto
de Investigación Sanitaria, organismo para a investigación biomédica en ciencias da saúde
do Sistema Público de Saúde da Galiza. Derrogación dos Decretos da Axencia Galega para o
Coñecemento en Saúde e a Axencia Galega de Tecidos e Órganos.
—Integración na Sanidade Pública de GALARIA e as Axencias creadas, así como da Fundación
Urxencias-061.
—Revisión das concesións de urxencias extra-hospitalariasactuais, tanto de helicópteros,
coa recuperación dos horarios completos de voo de orto a ocaso, como de ambulancias.
Implementación de ambulancias de SVA en comarcas deficitarias como a do Salnés, de forma que
se adapten ás necesidades poboacionais e de asistencia.
—Constitución dos Consellos de Saúde de Área como órganos de participación da cidadanía na
toma de decisións.
—Plano Integral de Saúde da Muller, cos incrementos de prazas correspondentes.
—Asegurar a interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública ás mulleres que así o
desexaren.
—Reclamar do Goberno central a inclusión no Catálogo de Prestacións Sanitarias do tratamento
preciso para a reasignación de sexo.
—Plan Galego de Saúde Mental e Plan galego de Prevención do Suicidio, con dotación
orzamentaria e de persoal.
—Incorporación normalizada de psicólog@s clínic@s tanto nos equipos de Atención Primaria
como nos Servizos Médicos hospitalarios. Completar a incorporación d@s psicológ@s clínic@s
nos dispositivos específicos de saúde mental.
—Integración na rede sanitaria pública dos dispositivos de atención ás drogodependencias , coa
estabilización do persoal e a dotación orzamentaria necesaria.