as mozas galegas: + precariedade + traballo temporal – salario

7 feminismo webSer moza na Galiza supón unha tripla opresión porque vivimos un contexto de discriminación no que converxen tres grandes factores:

1º A condición de ser muller nunha sociedade machista. O patriarcado, como sistema de dominación social, desvaloriza, invisibiliza e exerce violencia sobre as mulleres.

2º Pertencermos a unha nación, Galiza, que é espoliada e a súa soberanía e dereito a decidir coma pobo son negados polo Estado Español. A única saída para as mozas galegas é a precariedade, a anulación ou a emigración.

3º O feito de sermos persoas novas. A sociedade ten a mocidade por valor en canto que imaxe, reclamo estético e publicitario. Lonxe de apostar por ela coma sinónimo de futuro, olláa con paternalismo.

Son moitos os ataques que sufrimos as mozas galegas no mundo do traballo, sobretodo despois de se aplicaren as últimas reformas laborais do Estado Español. As políticas chamadas “anticrise” son machistas e atentan contra as mulleres. Vexamos a situación:

Non á feminización do desemprego xuvenil

A enorme taxa de desemprego xuvenil é maior nas mozas galegas, que son o sector poboacional no que se perderon máis postos de traballo dende 2009.

Destruíron emprego e precarizaron as condicións laborais das mozas galegas impondo media xornada a moitas traballadoras con xornada completa, reducindo salarios, incrementando traballo temporal en detrimento do indefinido. Ademais, póñenos máis trabas para incorporarnos ao mundo laboral, converténdonos en desempregadas de longa duración.

Contra a desigualdade salarial: a igual traballo, igual salario!

Cobramos un 23,4% menos ca os homes polo feito de ser mulleres. Teríamos que traballar 9 anos máis ca un home para obter a pensión máxima após xubilarnos. O noso salario supón un 11,6% menos do que a media do Estado. A fenda salarial prodúcese tamén nas prestacións por desemprego (unha moza con desemprego de longa duración ten case un 80% de probabilidades de non percibir ningún tipo de prestación).

Cada vez máis pobres. Rebelémonos todas!

A crise e as reformas laborais laminan a independencia das mulleres: ter un traballo hoxe en día non é garantía de poder vivir dignamente e somos as primeiras en ser despedidas. Isto provoca dependencia económica do home, e que abandonemos o posto de traballo para dedicarnos aos coidados, sendo relegadas ao doméstico.

Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, mozas do BNG, denunciamos toda actitude machista no ámbito laboral: desde as ofertas de traballo dirixidas exclusivamente a mulleres nas que se pide a nosa foto para poder chegar á entrevista até o acoso laboral ou vulneración dos dereitos sociolaborais das mulleres traballadoras. Denunicmaos a hipocrasía de empresas do téxtil como Inditex por sumarse a laxas campañas de denuncia da violencia contra as mulleres mentres nos explotan en todo o mundo. Na Galiza aplican políticas laborais que atentan contra os dereitos das traballadoras. Non respectar os nosos dereitos laborais tamén é violencia machista!

As mozas galegas non creamos esta crise, pois é produto do capitalismo que quere explotarnos máis. Por iso rebelámonos contra a dominación da alianza criminal formada polo capital, o estado español e o patriarcado.

Reivindicamos unha Galiza ceibe, feminista e libre de explotación.