Financiar a investigación para xerar emprego aquí

3 desemprego web (1)

Galiza leva anos a ver como desde as intitucións se diminúe a aposta polo I+D+I (Investigación, o desenvolvemento e a innovación). Os dados de 2013 sinalan que cada ano invístese menos desde a Xunta en I+D+I, desta volta apenas supuxo o 0,85% do Produto Interior Bruto (PIB),

Ademais, un total de 106 docentes e investigadoras/es (PDI) perderon o seu posto nas universidades galegas no curso 2013/14, segundo o propio Ministerio de Educación.

Sen financiación pública ao I+D+I e ás universidades, centos de investigadoras/es emigran da Galiza para poderen investigar noutras universidades, en empresas e institucións públicas doutros estados, pois están inmensamente formad@s e cun potencial que outros estados se pelean por ter. Galiza foi punteira durante anos en investigación médica e farmacéutica e avanzadas curas de cancro e outras doenzas, en investigación en produción enerxética, en desenvolvemento sostíbel e en mil campos máis. Mais agora, estas e estes investigadores traballan noutros países, a pesar de térense formado na Galiza. As súas investigacións xa non repercutirán positivamente nas galegas, xa non xerarán emprego e desenvolvemento na Galiza, senón que o farán nos países nos que tiveron que marchar fuxindo da pobreza.

E se Galiza é un país rico e cunha mocidade amplamente formada… por que temos que emigrar?

Galiza é unha das zonas do mundo con maior riqueza natural e produtiva no rural e no mar, produtora de enerxía, con forza industrial, con grandes capacidades e unha poboación moza altamente formada é creativa. A pesar disto, 6 de cada 10 moz@s da Galiza están no desemprego e máis de 130 000 tiveron que emigrar nos últimos 5 anos.

Por que? Débese a que Galiza é unha nación á que lle negan a soberanía, polo que está a ser empobrecida: España chucha a nosa terra e leva riqueza que xeramos co noso traballo a outros territorios con maior nivel de vida, sen deixar aquí un céntimo.

Mentres en Madrid intercambian cromos para acceder á Moncloa, na Galiza nin perdoamos nin calamos ante o resultado das políticas das forzas españolas na nosa terra, que provoca que actualmente 6 de cada 10 moz@s galeg@s estean no desemprego. As súas políticas afondan na dependencia económica do País e da propia mocidade galega, imposibilitando a emancipación e creación de proxectos de vida propias (se ben e certo, que actualmente unha persoa moza ter emprego é de media sinónimo de pobreza, de estar na máis absoluta precariedade con salarios por completo insuficientes para unha vida digna). Isto xera unha grande frustración que fai que no caso de máis de 1 de cada 5 moz@s se vexan na obriga de emigrar de Galiza a outras localizacións nas que ter oportunidades laborais.

Aínda que coa crise e as políticas regresivas aplicadas polos gobernos do Estado e da Xunta se agravaron os índices de paro xuvenil (83.300 empregos xuvenís destruídos dende a chegada de Feijóo á Xunta), este é un problema estrutural que vén padecendo Galiza nas últimas décadas, e que só será arranxado con políticas que busquen a creación de emprego xuvenil para Galiza e feitas dende aquí, coñecendo a nosa realidade e con vontade verdadeira para cambiala.

Máis de 147 200 persoas emigradas da Galiza desde a chegada de Feijóo

Dende Galiza Nova apostamos firmemente por outro modelo de políticas xuvenís para a xeración de emprego e combater o éxodo que representa a marcha á emigración como saída a esta situación de máis do 20% da mocidade galega nos últimos anos. Dende o ano 2009 terían deixado o país para traballar fóra tanta xente como suporía deixar deserta toda unha cidade coma Ferrol (máis de 147 200 persoas marcharon da Galiza desde 2009, a maioría delas son persoas mozas). Ademais estes contratos laborais en países europeos coma Alemaña ou Inglaterra principalmente non son tampouco unha boa solución, pois é difícil atopar salvo contadas excepcións traballos relacionados coa formación. Existe tamén a problemática dos miniempregos, así coma dos contratos de formación que non proporcionan os ingresos suficientes para unha vida digna ás persoas mozas que emigran e que polo tanto ademais da explotación que sofren, están lonxe da súa terra.

Temos o firme convencemento de que crendo nas capacidades da nosa terra e apostando por elas conseguiremos rachar coa dupla dependencia á que está sometida a mocidade galega: a do estado español a nivel nacional e a máis cotiá, a económica dos nosos pais. Só así, rachando coa dependencia poderemos conquerir traballo e liberdade para a mocidade galega.

Galiza Nova esixe as seguintes medidas urxentes:

Impulsar o financiamento da investigación e todo tipo de proxectos en Galiza para xerar postos de traballo de calidade na nosa terra, para que as nosas xeracións máis formadas non teñan que seguir a emigrar.

– Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.

Derrogación do retraso de idade de xubilación, que ademais de ser inxusto coas persoas maiores, retrasa o acceso ao traballo da mocidade.

Eliminación das horas extras e redución da xornadas laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar os postos de traballo.

Eliminación das Empresas de Traballo Temporal e dos contratos precarios. 

-Posta en marcha pola Xunta de Galiza dun Plan Galego de Emprego Xuvenil dirixido á inserción laboral da xente nova e adaptábel á realidade de cada concello, ao tempo que se guíe o traballo cara a sectores estratéxicos de cada zona do País, e que incorpore:

  • Programa de inserción laboral para xente moza, que acompañado dunha titorización específica de cada persoa, esta reciba unha renda laboral durante o período de formación laboral, ao tempo que se guíe a forza de traballo aos sectores estratéxicos para o desenvolvemento da economía galega.
  • Promoción de novos espazos de actividade para a xeración de emprego potenciando sectores de actividade que prioritariamente creen emprego entre a mocidade.
  • Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.
  • Programas de orientación, recualificación, formación e aprendizaxe para mocidade desempregada.
  • Potenciar o emprendemento a través de empresas de economía social.

Impulsar a creación dunha rede municipal e/ou comarcal de empregabilidade para xente moza. Coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo, evitando que sexan as ETT’s as que xestionen a oferta laboral a modo de mercaderes de escravas.

– Potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.

Apoiar proxectos emprendedores de xente moza a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.

Crear un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego.

Actuación dos concellos na liña de dar saídas laborais acaidas á realidade socioeconómica, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais.

Axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos.