Galiza Nova represaliada por reivindicar a Rosalía

Militantes de Galiza Nova afrontamos sanción do Estado Español por realizar mural en lembranza de Rosalía de Castro. Denunciamos as multas impostas pola Subdelegación do Goberno Español contra a nosa militancia na comarca de Pontevedra e membros da Comisión Permanente de Galiza Nova, Alberte Fernández e Sabela Bará. Trátanse de denuncias pola realización dun mural conmemorativo polo 24 de febreiro, día de Rosalía. As multas alcanzan os 100€ por persoa.

A denuncia recolle que se realizaron “danos ou deslucimento a bens de uso público ou privado na vía pública” mais non existe tal deslucimento por ser un valo abandonado e pintado previamente con “graffiti” como se inclúe nun informe da Policía Local e na fotografía anexada na alegación presentada, e polo tanto non se desluciu.

Para Alberte Fernández, responsábel comarcal, “esta multa responde a cuestións totalmente políticas que buscan perseguir todo rastro de cultura alternativa ao que o sistema quere”. “Esta denuncia ademais ampárase na Lei de Seguridade Cidadá do PP, a chamada Lei Mordaza. O BNG e Galiza Nova mostrámonos radicalmente en contra dela e apostamos firmemente pola súa derrogación, non coma outras maiorías parlamentares destes meses no Congreso que non moveron un dedo por derrogala”.

Sabela Bará, responsábel comarcal de organización, engade que “nós defendemos á Rosalía real, a loitadora pola liberdade do seu pobo que deixou escrito o lema do mural: pobre Galiza, non debes chamarte nunca española; e non a chorona que lle interesa ao poder español”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *