Libérate coa túa lingua!

LINGUA imaxe 2O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, escribía o poeta Manuel María. Ser galegas e galegos, vivir e sentirse unha persoa máis de Galiza, independentemente do lugar de procedencia de cada quen, é a nosa forma de ser e estar no mundo.

Mais na Galiza non se garante o dereito a poder desenvolver a vida en galego e as persoas galegofalantes son desprezadas e obrigadas a esixir respecto polos dereitos lingüísticos ou a facer uso do español para axilizar trámites como exames sen opción a galego ou traballar en moitas empresas.

A nosa lingua vive un tempo crítico. Está a ser perseguida e excluída nas aulas, nos centros de traballo, nas institucións… A lexislación española xunto á aplicada polo PP desde a Xunta pretende eliminar todos os nosos sinais de identidade e arrasar con todo trazo
que nos diferencie como nación.

Cantas veces teremos escoitado “el gallego no vale para nada”. Que falsidade!, pois a nosa lingua, ademais de servir para comunicarnos entre as persoas que vivimos na Galiza, ten inmensas posibilidades e vantaxes no contexto internacional, nomeadamente no mundo lusófono (Portugal, Brasil, Angola…), achegando o noso País a unha comunidade lingüística formada por máis de 260.875.000 persoas en todo o mundo.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, defendemos o dereito a poder desenvolver a vida en galego e esiximos poder utilizar a nosa lingua en calquera ámbito sen ningunha traba ou discriminación: no ensino, no lecer, no traballo, no deporte, na rede…

Convidámoste a que participes con nós deste obxectivo, porque o mellor xeito de contibuir a normalizar o galego a nivel colectivo é tamén o compromiso de cada unha e cada un de nós a nivel individual, utilizando o galego e esixindo os dereitos.

Non é momento de resignación, é momento de falar e defender a nosa lingua para sermos máis libres.

Ti podes facer moito polo galego

Achegamos este decálogo de utilidade para animarte a pasar ao galego.
É a mellor maneira de exercer a rebeldía!

1. Se tes como lingua familiar o español, interésate pola nosa lingua. Axuda a loitar contra as inxustizas cometidas contra o galego.

2.Ás veces non é doado pasar a falar galego con persoas e en ambientes nos que sempre falaches español. Podes comezar a usar o galego con persoas que coñezas a partir de agora ou en situacións novas, para logo ir introducíndoo na túa esfera habitual. Pode que até logres que persoas castelán-falantes do teu entorno muden a lingua coa que sen dirixen a ti!

3.Non te avergoñes dos defectos da pronuncia ou a escrita nin deixes de falar a lingua por
medo a ter erros. Falando e escribindo en galego é a forma de ir mellorándoo. É importante respectar e coñecer as variedades dialectais da nosa lingua. Esta é a riqueza do galego.

4.Anímate a coñecer música e cinema na nosa lingua.

5.Comeza a tomar apuntamentos en galego, whatsappear e escribir correos electrónicos, a facer os exames en galego…

6.Muda as túas redes sociais ao galego. Reclama que haxa posibilidade de escoller o galego nas aplicacións que utilizas.

7.Fala galego cada vez con máis xente. Verás que te entenden.

8.Aínda que che respondan en castelán, insiste en exercer o teu dereito a falar galego. Esixe que te respecten.

9.Implícate na normalización da nosa lingua en todos os eidos. Fai que o galego entre nas
aulas, nas tendas, no teu centro de traballo…

10.Galeguiza o teu nome e apelidos. Moitos apelidos foron deturpados pola Igrexa e anos
de españolización. Otero, Villanueva, Villarino ou Rajoy son atentados lingüísticos que
herdamos. Fagamos xustiza, mudémolos.