A liberdade sexual máis importante, pero que a nosa sociedade heteronormativa e patriarcal esquece é a liberdade a non manter unha relación sexual cando esta non é desexada, por iso é preciso debullar esta situación, para coñecela e combatela.
No imaxinario colectivo da violación segue vixente a idea dun prototipo de violador e un prototipo de vítima, ademais dun contexto que tampouco soe corresponde coa realidade dunha violación. A implantación deste relato na sociedade ten diversas consecuencias negativas, como é invisibilizar a gran maioría das agresións sexuais que se producen diariamente. É pois de vital importancia entendermos o que significan.
Unha definición sinxela e resumida do termo ‘violación’ pode ser a seguinte: Acto sexual no que non se conta co consentimento libre, informado e explícito de todas as persoas implicadas. O consentimento deberá ser o eixo central de todas as relacións interpersoais.
Existe certo consenso en considerar determinadas agresións coma violacións, máis non se dá ese nivel de consenso nas chamadas “agresións sexuais de baixa intensidade”. Nestes casos, no canto da forza bruta ou a intimidación, as formas nas que se forza o sexo son máis sutís, como a manipulación ou o alcohol, e polo tanto menos detectables pola vítima e en xeral pola sociedade.
Para evitar estas situacións é importante ter en conta que o consentimento debe ser afirmativo e entusiasta. Non se debe supoñer que polo simple feito de que a persoa coa que se está non diga abertamente “non quero manter relacións sexuais” quere dicir de maneira automática que consinte.
Por exemplo, debería ser evidente que se unha persoa está inconsciente, borracha, drogada ou durmida non pode consentir. Alguén que non ten plena consciencia do que está a ocorrer co seu corpo non quere ter sexo, non hai discusión posible.
Debemos ter en consideración que aínda sendo absolutamente necesario, o consentimento non deixa de ser algo bastante abstracto, xa que habitualmente non hai un momento no que se para e se pregunta “Consentes? –Si, consinto.” para volver a preguntar logo de dez minutos “segues consentindo?”. En moitos casos este consentimento ou falta del deberá ser interpretado mediante a empatía e a lectura da linguaxe corporal. Porén, este entusiasmo ou falta del debe servir de referencia para saber se este consentimento existe aínda cando non é falado directamente.
Do mesmo xeito, se nun primeiro momento unha persoa (A) di que non quere manter relacións sexuais, mais se despois de a outra persoa (B) insistirlle, facerse a vítima, usar o castigo do silencio, ou usar calquera outro tipo de violencia ambiental, a perosoa (A) cambia de parecer… non está a ser un consentimento libre.
Non querer ter sexo non debe xamais ter consecuencias negativas. No caso de telas, estará a usarse a coacción e manipulación para manter relacións sexuais, sendo isto unha agresión sexual.
Moi en consonancia con este último punto está o feito de que en casos de desequilibro de poder o consentimento tampouco é libre. Se unha persoa ocupa unha posición de autoridade fronte a outra nas cales o feito de negarse a manter relacións sexuais poida repercutir negativamente sobre a persoa que da o “non”, a persoa que ocupa a posición de poder nunca poderá saber se a súa interlocutora responde afirmativamente aos seus avances sexuais porque de verdade ten ganas ou por medo a algún tipo de represalia. Por isto este tipo de relacións só poden ser seguras se quen realiza os avances é a persoa na posición de vulnerabilidade, aínda que nin sequera este factor o garante por completo.
Outro punto moi importante é que aínda que o consentimento sexa afirmativo e entusiasta non pode ser libre se non é un consentimento informado. Se unha persoa mente sobre o feito de que ten unha relación, se sabe que sufre unha ETS que pode contaxiar e non o dixo, se non puxo o preservativo e dixo que si o puxo ou non tomou a píldora e dixo que si a tomou, está gravando o encontro e non o dixo, ou calquera outra circunstancia que podería variar a decisión da súa contraparte de manter relacións sexuais, trátase dunha agresión sexual.
Por último, o consentimento pode ser retirado sempre e en calquera momento, e nese caso o encontro sexual debe cortarse inmediatamente sen ningún tipo de discusión nin consecuencias negativas. Se alguén di “para”, ou mostra xestos de incomodidade ou dor, e a persoa coa que está se mostra indiferente e continua, a relación pasará automaticamente de ser sexo consentido a ser unha violación. Malia a lóxica da situación neste sistema heteropatriarcal, esta idea non está interiorizada na nosa sociedade, e tratase ás persoas que interrompen unha relación sexual ou se negan a tela nunha situación na que se presupoñía que ía acontecer.
Socialmente castígase o non querer manter relacións con penetración despois de ter empezado outro tipo de actos sexuais, mentres que se ve como normal enfadarse por non poder “rematar o que se empezou”. Esta visión de que só as relacións sexuais son “completas” se ocorre a penetración invisibiliza todo tipo de sexualidades subversivas e reforza a heteronorma, ó mesmo tempo que exerce unha presión enorme sobre a sociedade e impide desfrutar libremente do sexo en todas as súas variedades.
Comisión de Liberdades Sexuais e Diversidade de Xénero