Por que necesitamos o día do Orgullo?

imaxe orgullo 2016O 28 de xuño celébrase en todo o mundo o día do orgullo LGBTI. Faise en conmemoración das revoltas producidas no 1969 en New York como resposta ás redadas e agresións LGBTIfobas por parte da policía, onde a comunidade LGBTI plantou cara e loitou polos dereitos perante o sistema opresor. Décadas despois, o sistema heteropatriarcal e os mesmos poderes seguen imperando, marxinando e perseguindo a diversidade sexual. Os discurso LGBTIfobos son premiados e cuspidos a diario desde púlpitos eclesiásticos, desde ministerios e medios de comunicación, e seguimos a padecer todo tipo de agresións e delitos de odio no día a día. Estamos fart@s de escoitar que “xa non é necesario un día do Orgullo LGBTI, que xa non son os tempos de antes” e que “agora temos dereitos e podemos vivir con normalidade”, porque sabemos que iso non é certo. Non nos faltan motivos para conmemorarmos o día do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño e todos os días do ano.

Necesitamos un orgullo que visibilice a todas as persoas LGTBI.

A imaxe típica coa que se anuncia o día do orgullo é a dun home novo, dentro dos canons de beleza occidental, mais non son os homes gais os únicos orgullosos. Somos múltiples e divers@s, estamos orgullosas e pelexamos contra a invisibilización. Somos as persoas lésbicas, bisexuais, trans, intersexuais, pansexuais, asexuais; e somos gordas, vellas, con diversidade funcional, calvas, ou como nos cadre. Somos divers@s, coma a nosa sexualidade. Podemos ter pluma, e non renunciamos a ela, aínda que esa maneira de comportarnos nos poña no centro das críticas e nos converta nun branco fácil para a LGBTIfobia, mais non por iso deixaremos de ter orgullo de ser quen somos. Outras non temos pluma, e non por iso somos menos LGTBI nin temos menos orgullo de selo.

Necesitamos orgullo!

Hai pouco concentrámonos pola masacre en Orlando, a semana anterior os asasinatos foron en México, en febreiro golpearon a unha parella en Compostela… Estamos fart@s de malas miradas, de escoitar insultos, de recibir puñetazos, de perder compañeir@s nesta loita, coma as persoas trans que se suicidaron por non aturar máis a presión do sistema heteropatriarcal. Da violencia que sufrimos nas consultas médicas, dos prexuízos cos que nos reciben, dos bebés intersexuais que son mutilados nada máis nacer para facelos encaixar nos modelos anatómicos tradicionais.

Todas estas agresións son descoñecidas para as persoas heterosexuais.

“Hetero” nunca foi un insulto, ninguén pregunta por prácticas sexuais home-muller cando se doa sangue, ninguén pensa que están a “atravesar unha etapa”. Poden relacionarse sen ser xulgad@s por iso. Non teñen que soportar o peso das etiquetas, non sofren ningún estigma por ser quen son. Non precisan celebrar ningún “día do orgullo hetero” porque o sistema heteropatriarcal non agrede a persoas hetero polo feito de selo.

Se ben é certo que a sociedade está mudando e as limitacións non son tan ríxidas como eran hai anos, seguen existindo. Seguimos estando fóra do sistema normativo. Seguimos padecendo a estigmatización. Por todo isto necesitamos o Orgullo. Necesitamos ocupar as rúas co noso orgullo, invadilas coa nosa loita, coa pluma, como cada quen sexa, mais tamén enchelas de felicidade, de alegría e reivindicación, do orgullo que día tras día nos queren arrebatar. Temos que facer que os nosos berros resoen nas institucións, reclamar leis que nos protexan, unha educación sen tabús e sen imposición de moralidades relixiosas, unha sanidade que non nos discrimine. Queremos que as nosas rúas sexan para camiñarmos libres e sen medo.

Construamos un orgullo no que todas as persoas teñamos cabida.

Conquistemos a nosa liberdade, construamos orgullo!