Cero votos á galegofobia

galegofobia-01Feijóo e o PP están obsesionados en perseguir todos os sinais de identidade do noso pobo, e en especial, a nosa lingua. Por primeira vez dende o franquismo, o noso idioma volveu estar excluido das aulas mediante o Decretazo antigalego de Feijóo, que prohibe impartir materias en galego. Ademais, o PP favorece a escolarización en español facilitando prazas en centros privados (pagadas con cartos públicos!) para evitar que o alumnado reciba aulas no noso idioma.

As persoas galegofalantes son desprezadas e obrigadas a esixir respecto polos dereitos lingüísticos ou a facer uso do español para axilizar trámites como exames sen opción a galego ou traballar en moitas empresas.

Nos últimos anos o goberno do Partido Popular na Xunta, que ten a obriga legal de promover e defender a lingua galega, foi o principal promotor do retroceso do noso idioma. As consecuencias son perfectamente observábeis nos datos estatísticos, na reducida ou nula presenza do galego na xustiza, administración e servizos públicos; na desaparición das aulas de Educación infantil como antesala do proceso de extranxeirización da lingua galega no seu propio país, xunto co veto ao seu uso nas aulas en materias da área científico-técnica, ou no obxectivo de redución a 1/3 a súa presenza no ensino que establece o decretazo contra o galego 79/2010; na exclusión do galego de grande parte dos sectores económicos e na discriminación consentida a galego-falantes en servizos de atención á clientela por parte de empresas que ademais de prestaren servizos en Galiza, extraen grande parte dos seus recursos.