Numerosos incendios están a destruír Galiza mentres continúa a falta de recursos antiincendios, a súa privatización, a precariedade e a descoordenación dos dispositivos por parte da Xunta de Galiza.
Urxe unha política de prevención e un novo modelo forestal para Galiza.
Dende a chegada de Feijóo á Xunta recortouse brutalmente en prevención, abrindo o negocio para as empresas privadas que se lucran dos lumes.
“Os incendios apáganse en inverno e resulta urxente unha política de prevención e un novo modelo forestal para Galiza”
Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG
Ana Pontón denunciou publicamente que ano tras ano teñamos incendios cun impacto maior sobre os espazos protexidos, as propiedades e vivendas. Durante estes anos, “tivemos un goberno irresponsábel que incluso eliminou algunhas das medidas adoptadas polo BNG no goberno bipartito como maiores franxas de protección de vivendas e estradas. O PP fixo a política contraria e dende o BNG hai unha prioridade, o noso monte é unha riqueza e pode xerar moito emprego”. Galiza urxe pois de medidas reais e precisas de conservación e organización territorial, fronte ao modelo actual do PP que carece de políticas forestais sustentábeis e que non atende a realidade galega.
Feijóo culPPábel: os recortes, a precarización e a privatización dos medios de prevención e intervención favorecen os incendios!
Os anuncios no eido da prevención que fixo o PP carecen de efectividade real, tal e como denunciaron bombeiros da Asociación Profesional de Traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza e que recolleu Sermos Galiza nun especial a finais de xuño.
A Xunta continúa cada ano retrasando a contratación de efectivos contra incendios, como en 2015 que foi dúas semanas despois de entrar de cheo na tempada de altos riscos de incedios e rematou a contratación dúas semanas antes de chegar ao seu fin. Ademais, o PP na Xuta privatiza numerosos labores e axdudica a dedo a empresas máis dun centenar de contratos para limpeza e roza de pistas forestais; rexeitando novamente unha iniciativa presentada polo BNG para o incremento da carga de traballo na empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga).
O concurso para a contratación de cinco avións para a loita contra os incendios até 2018 quedou por primeira vez deserto cando faltaban poucos días da campaña de alto risco. Das oito aeronaves dependentes da Xunta que realizaron labores de extinción o pasado ano, este curso son substituídas por catro helicópteros. O cambio rebaixa así a competencia dos medios propios para o período de alto risco. Un avión ten catro veces máis capacidade para almacenar auga que un helicóptero, pode cubrir un maior radio de acción, en menos tempo, e resulta máis efectivo contra os grandes lumes. Unha das primeiras medidas que adoptou o PP foi a privatización da práctica totalidade das brigadas helitransportadas, tal e como denunciou o semanario Sermos Galiza.