A caravana da mocidade percorre toda Galiza

CARTAZ CARAVANA definitivoA caravana da mocidade galega arrincará este venres desde Vigo e percorrerá máis de 40 localidades de toda Galiza para dar a coñecer a pé de rúa as propostas do BNG para a mocidade.

A caravana organizada por Galiza Nova levará por toda a nación as principais medidas elaboradas pola organización xuvenil e que o BNG presenta no seu programa electoral para #UnTempoNovo.

Partirá este venres 2 de setembro desde a Porta do Sol de Vigo ás 11hs e percorrerá até o 23 de setembro todos os puntos do noso País. A caravana, que inclúe ilustracións de Kiko Da Silva, achegará a numerosas prazas de Galiza unha exposición que, en paneis temáticos de grandes dimensións, contén as medidas urxentes que a mocidade galega precisa para vivir, traballar e prosperar en Galiza. Medidas para loitar contra a precariedade e a temporalidade laborais, para conquistar o traballo digno e todos os dereitos sociolaborais, o Plan Retorna do BNG para que a mocidade emigrada por mor das políticas de Feijóo poida voltar á terra para vivir e traballar; medidas para igualdade salarial, contra o heteropatriarcado e o terrorismo machista, para conquistar as liberdades sexuais, para recuperar os desmantelados e desvirtuados Centros Quérote, para defender e relanzar o ensino galego, público e de calidade fronte a Lomce e os recortes, para un país onde a vivenda sexa un dereito e non un privilexio e se apoie a emancipación da mocidade, por unha Galiza para a creación, as artes e o talento, por un servizo de transportes acaido ás necesidades do territorio e a poboación e a recuperación do Noitebús… Estas son algunha das medidas que o BNG defende e que Galiza Nova socializará por toda Galiza entre a xente nova desde este venres e até o final da campaña electoral. Ao saír de Vigo, a primeira parada será na alameda de Cangas, o propio venres pola tarde e cadrando coa festa local. O sábado a caravana chegará ao centro de Ribadavia e o domingo desprazarase até Ponteareas. O luns chegará a Verín e máis O Barco de Valdeorras, para o martes arribar ao campus de Ourense e máis ao centro da cidade… e así até o 23 de setembro por toda a nación!

Podes seguir o día a día da caravana da mocidade galega e os lugares nos que estará cada día na web galizanova.gal e nas redes sociais da organización xuvenil do BNG co #mocidadeEnBloque.