Baixo o lema “A mocidade construíndo Galiza”, Galiza Nova, celebrará o vindeiro día 26 de novembro a súa XIV Asemblea Nacional en Compostela, co obxectivo de fortalecer o nacionalismo entre a mocidade.
Galiza Nova actualizará na asemblea do 26 de novembro a súa estratexia e discurso nacionalista, tras culminar o debate da militancia nas comarcas e localidades nunha xornada de debate encamiñada á análise do traballo realizado pola organización nos últimos dous anos e avaliando tanto os acertos como as eivas.
“Entre todas e todos decidimos. Unha militante, un voto. Así funcionamos no BNG e en Galiza Nova, onde toda a militancia ten a palabra e o voto para decidir sobre o futuro da organización e as persoas que formarán parte da Dirección Nacional”, afirmou o Secretario Xeral, Alberte Mera.
Os textos a debate que se presentaron esta mañá en Santiago de Compostela pola Comisión Permanente, inciden na axilidade organizativa, reducindo as estruturas intermedias e reforzando por completo o asemblearismo da formación. Esbozan as liñas de traballo en todos os campos nos que teñen presenza: polo ensino público galego, polo feminismo e as liberdades sexuais, o emprego digno e con dereitos… Ademais, marcaranse como obxectivos políticos para os vindeiros dous anos, a posta en marcha de novas campañas para multiplicar os apoios ao nacionalismo entre a mocidade, achegar máis xuventude a Galiza Nova e ao BNG, reclamar a implantación do “Plan Retorna” e un “Plan de emprego xuvenil” real contra a precariedade e o desemprego da mocidade.
A xornada contará cun debate aberto no que toda a militancia e simpatizantes poderán participar na análise do informe político e traballo realizado, e no debate da tese política e de organización pola vía das emendas que a militancia está a presentar nos debates comarcais. Finalmente, será elixida a nova Dirección Nacional, Comisión Permanente e Secretaría Xeral.
Pola súa parte, o actual Secretario Xeral, Alberte Mera, manifestou que “é momento dunha nova xeración de mozas e mozos para impulsar o nacionalismo xuvenil, e que contarán con todo o apoio daquelas e aqueles que por idade nos toca continuar no activismo noutros sectores diferentes ao xuvenil”. Así mesmo, tamén afirmou sentirse “inmensamente orgulloso da militancia de Galiza Nova e de todas as mozas e mozos desta organización que con entusiasmo e rebeldía relanzaron o nacionalismo xuvenil, un movemento que hoxe se amosa máis vivo, máis activo e grandemente fortalecido”.
Galiza Nova cualifica de “moi positivo” o proceso preasemblear de debate que nos últimos meses se produciu en todo o territorio galego con múltiples asembleas abertas e que suman unha participación superior ás 800 persoas mozas e contribuíndo á expansión do nacionalismo entre a mocidade.
One Comment