Unha vez máis é necesario que nos mobilicemos en defensa do ensino público galego, reclamando a derrogación plena da LOMCE e unha lei galega de educación ante a posibilidade de que se elabore un pacto entre as forzas políticas estatais que prexudique gravemente a situación do noso ensino. Este pacto mantería os principios fundamentais da LOMCE e o que é peor, blindaríaos para os vindeiros anos.
Ante o éxito da xornada de folga do 16 de febreiro temos que volver saír á rúa desde unha óptica centrada no país e na súa realidade educativa. En Galiza non sufrimos os recortes do mesmo xeito que no resto do Estado, e o noso ensino ten necesidades específicas pola nosa realidade diferenciada. Por iso é fundamental que todos os axentes da comunidade educativa artellemos unha xornada de folga xeral no ensino galego.
Considerando que a derrogación da LOMCE é imprescindíbel, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que Galiza Nova forma parte, acordou convocar folga para o día 9 de marzo en todos os niveis educativos do ensino de Galiza, mantendo as nosas reivindicacións centrada nas nosas necesidade e accións propias que dan continuidade ás que xa vimos realizando, concretadas en manifestacións en diferentes localidades ás 11.30 horas.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está comprometida en continuar na loita contra a LOMCE até a súa derrogación definitiva e en paralizar os recortes que están desmantelando o ensino público.
Desde Galiza Nova animamos a toda a mocidade galega a baleirar as aulas e encher as rúas o vindeiro 9 de marzo.