“A ABAU perpétua(ndo)”, artigo de David Neira

David Neira é graduado en Educación Social e militante de Galiza Nova na comarca da Coruña.

A Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) fai a súa aparición un ano máis para decidir o 40% da nota que permitirá a mozas e mozos escoller e acceder aos que poden ser os seus estudos soñados, desexados ou simplemente menos malos ca o resto. Na prensa pódese ler estes días o reciclado debate a respecto de se facer 17 probas ou proba única no Estado español, ao que non entraremos por entender un único exame como unha postura aínda máis homoxeneizadora e uniformadora se cadra, do que na actualidade sucede nalgúns puntos do país a través das sucesivas reformas do Sistema Educativo (SE).

Mais se chame Selectividade, PAAU ou ABAU, o que se continua a perpetuar é un sistema enormemente complexo e enormemente calibrado que mide, que avalía, que puntúa, que categoriza e que clasifica a cada individuo segundo uns criterios que están ben afastados de calquera Educación que queiramos adxectivar de crítica, sostíbel, democrática, transformadora porque si, a educación transforma realidades.

Sen dúbida as orixes e actualidade do SE están pensadas para reproducir unha determinada orde social. Acostumámonos desde os 3 anos, obrigatoriamente desde os 6, a pasar un determinado número de horas un mesmo espazo, nunha mesma posición, realizando tarefas que, co tempo, fóronse adaptando paseniño ás actuais demandas formativas e/ou de competencias do mercado laboral. Atoparíamos semellanzas, quizais rebuscadas, entre o que se fai nunha fábrica coas historias de avós e familiares sobre as súas etapas escolares.

Desta maneira atopamos acaído falar de tres leccións que, directa ou indirectamente, a ABAU intenta que toda estudante que remate a etapa de Bacharelato teña interiorizadas:

  • A competición axuda a seleccionar ás mellores. A competitividade que vertebra a case totalidade do SE obrigatorio obsérvase explicitamente na proba de acceso no momento no que hai máis demanda que oferta de estudos. Porén, iso non significa que esta estea realmente a certificar quen son as mellores estudantes, pois a case totalidade do SE está pensando en relación aos indicadores e ítems de avaliacións externas, nomeadamente o Informe PISA. Este informe, para o que o exministro Wert deseñou un ensaio en cada curso previo, a ver se lla colábamos coas Avaliacións individualizadas, céntrase en medir as competencias científica, matemática e en comunicación lingüística. O resto de competencias, incluso de habilidades ou capacidades igual ou máis valiosas para unha sociedade, están completamente fóra da ecuación. Acaso non son valiosos os coñecementos naturais, botánicos, agrícolas e forestais que pode ter unha persoa criada no mundo rural? Ou non é valiosa a sensibilidade e enxeño dunha persoa que é capaz de vivir no século XXI sen consumir plásticos? Por non falar do mundo da arte…
  • Na vida só terás o teu esforzo e as túas capacidades. A ABAU é un gran máis na balanza a favor do individualismo. Hai docentes, e cada vez máis afortunadamente, que procuran utilizar métodos e técnicas que fomenten a colaboración, a cooperación, o traballo en equipo, a corresposabilidade colectiva… porque entenden que con elas se fomentan unha serie de valores sociais e culturais que son valiosos en si mesmos para toda sociedade. Todos eles completamente esquecidos nunha proba destas características, na que estades ti, a túa memoria e o papel. Isto resulta incoherente ata para aquelas persoas que sosteñen que o SE ten que ser unha fábrica de traballadores, xa que moitas entidades do sector privado comezan a demandar habilidades sociais e de traballo en equipo (respectando a xerarquía, que isto tampouco é un Soviet).
  • A nosa avaliación das túas capacidades é a verdadeira. A capacidade de homologación e expedición de títulos da Administración lle outorga un poder tan verdadeiro para coa nosa autoestima e autoconcepto como nós o queiramos crer. O estrés e a carga emocional desta proba reside en parte en que o sistema está a avaliar se es apta para desenvolver un posto de traballo que no imaxinario colectivo ten maior valor e prestixio. O certo é que aprender é un proceso que se desenvolve ao longo de toda a vida, non está reducido só a espazos, lugares e momentos institucionais. A mitificación dos estudos superiores como sinónimo de intelixencia é un prexuízo a abandonar máis cedo que tarde. Nesta liña, e tras os recentes acontecementos vinculados cos estudos de diversas protagonistas da política do Estado español, acreditamos novamente en que estamos sendo testemuñas da mercantilización da Educación, pois se certifica que se pertences a determinados sectores e esferas sociais, tes a posibilidade de atallar economicamente un camiño que outras fixeron limpamente.

En derradeiro lugar, e como proba última de que esta formulación de acceso á universidade non pon en valor aqueles elementos que melloran e fomentan a convivencia, a cohesión, a xustiza social, a solidariedade e/ou a conciencia de clase está, a xuízo de quen escribe, nun minúsculo pero simbólico detalle: despois de máis dunha década escribindo nome e apelidos en todas e cada unha das probas escritas, de repente, da noite á mañá, es un código de barras.