A Asemblea Comarcal de Vigo reelixe a Jéssica García e Brais Ferreiro

vigoA Asemblea Comarcal de Galiza Nova en Vigo vén de reelixir por unanimidade a Jessica García como Responsábel Comarcal, e a Brais Ferreiro como Responsábel de Organización. A reelección prodúcese no marco do proceso posterior á XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova, que tivo lugar o pasado 26 de novembro en Compostela. Seguindo os Estatutos de Galiza Nova, despois de cada Asemblea Nacional, as comarcas deben renovar as responsabilidades, sendo reelixidas na Comarca de Vigo Jessica García e Brais Ferreiro.

Jessica e Brais agradeceron á Asemblea a súa confianza. Apuntaron que asumen con ilusión esta nova etapa que se abre, xa que se no BNG estamos abrindo “Un tempo novo” para o nacionalismo e para a organización, en Galiza Nova Vigo estamos recibindo un número considerábel de novas altas, que fan énfase en que hai futuro na Comarca de Vigo para Galiza Nova e para o BNG, e que grazas a esta nova situación, desenvolver as nosas actividades vai ser máis efectivo e motivador.

Dous son os retos principais para este novo período que se abre: continuar recibindo novas altas naquelas localidades nas que máis está habendo, como a localidade de Vigo ou Redondela, así como potenciar a participación de novas/os militantes e simpatizantes en localidades como Gondomar ou Baiona.

A estas responsabilidades sumarase nas vindeiras semanas a Responsábel Comarcal da Asemblea de Mulleres. A Asemblea de Mulleres é o máximo órgano de decisión en materia feminista de Galiza Nova. Potenciar este organismo, tamén na nosa comarca, será outro dos retos da organización para este período.

Tamén animaron a toda a mocidade de Vigo e arredores a sumarse ao proxecto de Galiza Nova e do BNG, un proxecto que cualifican de “verdadeiramente transformador” para este País, así como de “aberto e participativo”: “Todas e todos temos un oco no seo de Galiza Nova e no BNG”, apuntan.