A autoorganización e participación política da mocidade é vital para mudar Santa Comba

fFátima Sánchez Blanco é a número 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ao Concello de Santa Comba, onde naceu en 1991. É estudante de Historia e técnica superior de informática. É viceresponsábel de Galiza Nova en Compostela e participa da organización Liga Estudantil Galega da que é a súa Responsábel de Campus en Compostela, membro do Claustro e do Consello de Goberno da Universidade de Santiago e Representante do estudantado no CEUNE pola USC.

-Cal é a principal problemática da mocidade en Santa Comba?

-O principal problema para a mocidade en Santa Comba, como ocorre en gran parte do país, é a falta de oportunidades laborais e vernos abocados irremediablemente a emigración. Mais se es muller, as saídas laborais redúcense na maior medida ao coidado dos maiores, traballos de limpeza e a hostalería. E como consecuencia, observamos como ano tras ano a poboación en Santa Comba descende estando actualmente por debaixo dos dez mil habitantes.

-Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que vén defendendo e levando á práctica o BNG Asembleas Abertas para a mocidade?

-O BNG-Asembleas Abertas, buscando transformar Santa Comba nun concello de presente e futuro para a mocidade, propón a posta en marcha de políticas que freen a perda de poboación e incentivar o emprego xuvenil, deseñando un plan de desenvolvemento local tendo en conta todo o conxunto e que parta do aproveitamento dos recursos propios, potencie sectores esenciais como son, a agricultura e a gandería, e incentive o crecemento doutros como o comercio, o turismo, os servizos
e a pequena industria transformadora.

Importante é o traballo que debe darse pola igualdade real, onde condicionantes como o sexo, a idade ou procedencia non afecten e, así, fomentar a participación activa e normalizada nas dinámicas sociais e as relacións interxeracionais e asociacionismo.

-É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Santa Comba? Como poden facelo?

-É vital que a xente moza se implique, dela depende que a situación de Santa Comba mude deixando atrás vicios políticos e impulsando os cambios precisos para dito fin. É necesario e prioritario a auto-organización propia da mocidade aportando con ela novos puntos de vista e enerxías renovadas. Para elo teñen múltiples opcións, participando nas distintas organizacións estudantís, de mocidade ou sindicais.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza
Nova? Como decidides formar parte da candidatura?

-Ante as políticas destrutivas levadas a cabo polo goberno do PP vin necesario dar o paso e participar na candidatura do BNG-Asambleas Abertas Santa Comba como a única opción viábel para mudar a situación do meu concello.

-Como entendes a política municipal?

-A política municipal imperante no meu concello é un tanto inútil onde todo se rexe por intereses
propios deixando de lado as necesidades da veciñanza. Onde a cada decisión existe detrás intereses
especulativos como o da Praza Parchís.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *