A hostalaría é ese sector no que actualmente vemos tantas vacantes de emprego, día a día somos bombardeados polos medios dicindo que faltan traballadores e traballadoras, empresarios queixándose porque non son quen de atopar xente que traballe para eles. Pero como pode ser isto certo se hai milleiros de persoas en situación de desemprego, e moitas delas mozas? Porque nos atopamos con postos de traballo precarios, xornadas interminables e contratos, moitas veces, que non reflicten a realidade das horas que se fan, con salarios pésimos que non aportan ningún tipo de estabilidade. E finalmente somos as persoas mozas na maioría dos casos, as que nos vemos traballando no sector, xa que non soen esixir experiencia moi grande, hai traballos de carácter estacional e poden compatibilizarse cos estudos. O verán é esa temporada non lectiva que poderiamos aproveitar para descansar da universidade ou dos estudos, pero a situación moitas veces obríganos a ter que buscar empregos precarios para aforrar o máximo posible para non pasar dificultades durante o curso. É por iso polo que facemos o esforzo de aguantar xornadas tan longas, en condicións de excesivo calor en zonas de praias, con moi pouco descanso e facendo un traballo pensado para o dobre, sendo a metade de mans, porque na maioría de casos as vacantes non se cobren e seguen abrindo coa mesma actividade. E moitos empresarios declaran que as leis laborais non lles axudan, que non lles compensa contratar máis persoal do que teñen, etc. Pero todos podemos comprobar investigando un pouco, que seguen gañando uns beneficios xigantes a costa de ofrecer condicións que rozan a explotación en moitos casos. Ademais, negocios que non poidan ofrecer unhas condicións mínimas deberían chegar a formularse (deixando a un lado a avaricia característica do empresario) se son rendibles e merece a pena que continúen abertos; xa que se para obter beneficios necesitas explotar ao persoal, ese negocio non se sustenta. Xa de por si, é un sector que condiciona a túa vida, traballando nas fins de semana, días festivos ou durante as noites, momentos onde o resto da xente goza do ocio, e os empregados e empregadas da hostalaría, teñen o pico máis alto de movemento nos locais. Todo isto súmase á dificultade que ten implícita o trato co cliente, soportando numerosas faltas de respecto, presión para que fagas as cousas o máis rápido posible, e sen posibilidade de queixa, porque “o cliente sempre ten a razón” aínda que non a teña realmente. Poñer boas caras, o ritmo de traballo moi alto e as ordes dos xefes aumentan a tensión que sofres en cada día. Conciliar estas xornadas cunha familia, é unha labor tremendamente complicada, e unha vez máis explica en gran medida porque a xente moza é a que accede aos postos. A pouca antelación coa que te poden avisar das quendas, recortar ou engadir horas ás mesmas, ou non ter unha hora concreta de saída fan que planificar algo a longo prazo sexa imposible. A solución pasa por conseguir que os establecementos cumpran elaborando contratos adecuados, onde os traballadores e traballadoras gocen dos días de descanso que lles corresponde, recibindo un salario digno e acorde coas horas e a labor que se desempeña. Combater os contratos fraudulentos, a temporalidade dos mesmos e garantir o cumprimento dos convenios é unha prioridade. Nas zonas de maior afluencia turística, onde os alugueiros son máis elevados e as vacantes do sector hostaleiro son moi numerosas, hai que poñer o foco, xa que soen ser onde a precariedade abunda de maneira máis significativa.

Reivindicar a saúde laboral e dignificar as condicións, son e serán unha loita longa e constante para a mocidade do noso país. Por iso as mozas e mozos do sector hostaleiro deste país mobilizarémonos en Compostela o vindeiro 18 de decembro, para lograr os cambios que precisamos para facer deste sector, un sector digno para a mocidade galega!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *